Novas

Cartel da campaña

14-07-2011

VIH: Proba rápida no fluído oral

A finais do pasado mes de xuño comezou o Proxecto de Detección Precoz Anónima de VIH en Galicia mediante o uso de Probas Rápidas en Fluído oral. Este proxecto está promovido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

O lapso de tempo que transcorre dende que unha persoa se infecta ata que a infección evoluciona e se converte nun diagnóstico de SIDA, en ausencia de tratamento, ten un rango moi amplo que abrangue dende tan só un ano ata incluso máis de 15, cunha media de 10 anos. O que se persegue é conseguir un diagnóstico da infección o máis rápido posible para que a persoa infectada se poida beneficiar o máis axiña posible do tratamento e das ferramentas de prevención existentes.

Nestes momentos, en Galicia estase a experimentar un importante atraso diagnóstico, e atopamos que un número moi elevado de persoas reciben un diagnóstico, ben de infección polo VIH ou de SIDA, en etapas xa avanzadas, o que implica que se beneficiarán máis tardiamente dos efectos do tratamento, por outra banda poden estar a transmitir a infección ás súas parellas sexuais sen ser conscientes disto, e ademais o custo do tratamento e coidado dos enfermos/as aos que se lles diagnostica a infección de modo tardío é moito máis elevado que aos cales se lles diagnostica precozmente.

Cartel da campaña

05-07-2011

De home a home, fala do VIH. Porque o silencio non pode ser un síntoma máis

Fomentar unha maior comunicación entre os homes que teñen relacións sexuais con outros homes (HSH) para previr mellor o VIH e outras infeccións de transmisión sexual. Este é un dos obxectivos principais da nova campaña "De home a home, fala do VIH" deseñada polo Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade.

De acordo cos estudos realizados no noso país, un de cada dez homes que teñen relacións sexuais con outros homes podería estar infectado polo VIH. O material que se presentou coa campaña (vídeo que se difundirá por internet, folletos e carteis) é unha chamada de atención para que os HSH sexan conscientes de que nos últimos anos convertéronse no sector de poboación máis afectado por esta infección e para convidarlles a falar sobre esta realidade.

Muler en estado de xestación

29-06-2011

Se a nai fuma, aumenta o risco de infarto no fillo/a

Coidar dos fillos/as non é unha tarefa que empeza unha vez nacen, senón que os pais e nais poden ser directamente responsables da saúde dos seus fillos/as mentres estes/as se desenvolven no útero materno. Así, a problemas como o baixo peso do fillo/a, o parto prematuro ou os trastornos neurocognitivos, todos eles asociados co hábito de fumar das mulleres embarazadas, agora, segundo os datos dun estudo, engádeselle a redución nos fetos dos niveis de lipoproteínas de alta densidade (HDL), máis coñecidas como o colesterol “bo”.

Cartel da campaña

27-06-2011

26 de xuño: Día Mundial contra a Droga

«A menos que reduzamos a demanda de drogas ilícitas nunca poderemos abordar plenamente o cultivo, a produción ou o tráfico. Os gobernos teñen a responsabilidade de contrarrestar o tráfico de drogas e o uso indebido de drogas, pero as comunidades tamén poden facer unha contribución importante. As familias, as escolas, a sociedade civil e as organizacións relixiosas poden facer a súa parte para librar de drogas as súas comunidades. As empresas poden axudar a proporcionar medios lexítimos para gañarse a vida. Os medios de comunicación poden aumentar a conciencia sobre os perigos dos estupefacientes.».

Ban Ki-moon, Secretario Xeral da ONU (Mensaxe con motivo do Día Internacional da loita contra o uso indebido e o tráfico de drogas)

Cocaína en po

22-06-2011

Cocaína, unha inimiga silenciosa do corazón

O consumo habitual desta droga pode provocar graves danos cardíacos sen dar signos de alerta.

Danos neurológicos, problemas psiquiátricos, perforación do tabique nasal... Algunhas das consecuencias do consumo habitual de cocaína son moi coñecidas. Todos vimos algunha referencia a elas nalgunha película ou campaña de concienciación. Outras, con todo, permanecen máis ocultas para a opinión pública. É o caso dos trastornos de corazón, un grave problema que se deriva directamente do consumo desta droga e que, ademais, pode pasar desapercibido ata que xa é demasiado tarde.

Latas de cervexa

15-06-2011

O ministerio dará prioridade ao financiamento de proxectos destinados a diminuír o consumo de alcol por parte de menores

A ministra de Sanidade, Política Social e Igualdade, Leire Pajín, anunciou que o seu departamento dará prioridade a aqueles proxectos destinados a reducir o alcol e menores e a inclusión social á hora de conceder subvencións procedentes dos orzamentos do Plan Nacional de Drogas e do Fondo de Bens Comisados.

Será unha medida inicial e complementaria á campaña sobre o consumo de alcol nos/as menores e adolescentes cuxos primeiros contidos se farán públicos despois do verán. O obxectivo desta campaña é potenciar o debate social e o exercicio da propia responsabilidade. Así o anunciou durante a súa comparecencia ante a Comisión Mixta Congreso-Senado para o Estudo do Problema das Drogas.

Cartel da campaña

30-05-2011

Día Mundial sen Tabaco

O 31 de maio de cada ano a OMS celebra o Día Mundial sen Tabaco, cuxo obxectivo consiste en sinalar os riscos que supón o consumo de tabaco para a saúde e fomentar políticas eficaces de redución do devandito consumo. O consumo de tabaco é a segunda causa mundial de morte, tras a hipertensión, e é responsable da morte dun de cada dez adultos.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) elixiu o "Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco" como tema do próximo Día Mundial Sen Tabaco, que se celebrará o martes 31 de maio de 2011.

A Asemblea Mundial da Saúde instituíu o Día Mundial sen Tabaco en 1987 para chamar a atención mundial cara á epidemia de tabaquismo e os seus efectos letais. A celebración deste día é unha oportunidade para destacar mensaxes concretas relacionados co control do tabaco e fomentar a observancia do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco. O consumo de tabaco é a principal epidemia evitable á que se enfronta a comunidade sanitaria.

Cartel da campaña

18-05-2011

Imaxínaste unha festa sen beber alcol?

A nova campaña da FAD pon o acento na aceptación social da bebida.

Protagonista das noites de lecer xuvenís e porta de entrada ao consumo doutras sustancias, o alcol é o protagonista da nova campaña que acaba de presentar a Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD). Non en balde, trátase da sustancia máis consumida en España na poboación entre 15 e 64 anos.

"O que de verdade nos preocupa é que a sociedade teña asimilada a idea dos 13 anos como inicio ao alcol, cando a Lei limita tomar esta sustancia a partir dos 18", comentou o director xeral da FAD, Ignacio Calderón.

Condón

15-05-2011

O 80% dos novos casos de SIDA en España son por vía sexual

A análise de 6.008 novos/as pacientes diagnosticados de SIDA en España desde xaneiro do 2004 confirma que a principal vía de transmisión é cada vez máis a sexual, en máis do 81% dos casos (no 46,1% por relacións homosexuais, e no 35,2%, heterosexuais), e diminúen os usuarios/as de drogas que comparten xiringas, que eran maioría cando comezou este problema de saúde e agora representan menos do 15%.

Logo da entidade

10-05-2011

Sobre a situación actual

Nos programas de todas as formacións políticas que se presentan ás eleccións ao Concello de Riveira atopamos referencias á importancia de que a mocidade teña un espazo importante no Concello potenciando actividades lúdicas, deportivas, culturais, etc.

O que todos e todas queremos é unha mocidade sa, con posibilidades de desenvolvemento persoal, cun futuro mellor. E para iso pensamos, desde Renacer, que a información é un alicerce fundamental para a educación dos nosos mozos e mozas. De aí a importancia que dende a nosa Asociación, ao longo de 20 anos, déuselle ás actividades preventivas.