1 de decembro: Día Mundial de Loita Contra a SIDA

Cartel de difusión da campaña

30/11/2010

Cada 1 de decembro, Día Mundial de Loita Contra a SIDA, persoas de todo o mundo suman esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia. Este evento brinda a todos os/as copartícipes, tanto públicos como privados, unha das máis oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados/as nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo.

A Asociación Renacer levará a cabo unha serie de actos informativos o vindeiro 1 de decembro. Estes actos están dirixidos á poboación en xeral e a mocidade en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a SIDA e a de involucrarse na súa detección precoz.

Instalaranse diversas mesas informativas na rúa peonil do concello e nos tres institutos de ensinanza secundaria, nas que se repartirán lazos vermellos, material informativo e preservativos. Ademais no IES Nº 1 para achegar tamén a información ás persoas que acoden á ensinanza de adultos en horario de tarde impartirase unha charla sobre sexualidade e SIDA, trala que se colocará outra mesa informativa.

Estas actividades englobánse no programa de prevención do VIH-SIDA e outras ITS da Asociacion Renacer e complementan a labor que se está a levar a cabo cos mozos e mozas nos centros de ensino secundario a través de diversos obradoiros de Educación Afectivo-Sexual e Sexo Seguro.

Cousas a saber sobre o Día de Loita Contra a SIDA:

¿Que é o Día Mundial de Loita contra a SIDA?

O Día Mundial de Loita contra a SIDA é o día escollido para lembrar e dar a coñecer ao mundo a epidemia global da SIDA causada pola extensión da infección do VIH.

¿Por que se celebra o día 1 de decembro?

O primeiro caso de SIDA do mundo diagnosticouse o 1 de decembro de 1981. É por iso que o Día Mundial da Loita contra a SIDA celébrase este día. Desde entón producíronse máis de 30 millóns de mortes relacionadas co VIH/SIDA en todo o mundo, converténdose nunha das epidemias máis destrutivas da historia.

¿Quen organiza o Día Mundial de Loita contra a SIDA?

A idea de dedicar un día á loita contra a SIDA naceu no cume mundial de ministros de sanidade do ano 1988, dentro dos programas de prevención da SIDA. Até o ano 2004 ONUSIDA (UNAIDS) encargábase de organizar esta xornada, elixindo un tema para cada ano despois de consultalo con diferentes organizacións. A partir de 2005 a responsabilidade de organizar o Día Mundial recae sobre unha organización independente, a Campaña Mundial contra a SIDA ( World AIDS Campaign).

Atoparás máis información e materiais en http://www.worldaidscampaign.org

¿Cal é a lema do Día Mundial de Loita contra a SIDA?

A lema da campaña mundial contra a SIDA en 2001-2010 é “Detén a SIDA. Mantén a promesa”( “Stop AIDS. Keep the Promise”). Durante os anos 2009 e 2010 a campaña céntrase en promocionar os dereitos das persoas á saúde e ao acceso aos medicamentos.

¿Que é o lazo vermello?

O lazo vermello é o símbolo utilizado en todo o mundo para expresar a solidariedade cos/as enfermos/as a causa da SIDA. A cor vermella do lazo representa o vínculo entre o sangue e a paixón e remóntase a unha tradición estadounidense de honrar e lembrar ás persoas mortas cunha cinta atada a unha árbore como símbolo de amor e afecto pola persoa desaparecida. Naceu o ano 1991 cando un grupo de artistas de Nova York, "Visual AIDS Artists Caucus", buscaban un símbolo para expresar a súa solidariedade coas persoas con VIH/SIDA.

¿Cales son os principais datos epidemiolóxicos do VIH/SIDA?

Segundo as cifras de 2008 publicadas pola OMS, hai actualmente 33,4 millóns de afectados polo VIH. Estímase que este ano resultaron infectadas polo virus 2,7 millóns de persoas, e que 2 millóns morreron de SIDA. O África subsahariana continúa sendo a rexión máis afectada polo VIH. En 2008, dita rexión tiña o 67% das infeccións por VIH a nivel mundial, 68% dos novos casos nos adultos e o 91% das novas infeccións nos nenos/as.