Que tipos existen de anticonceptivos?

Que non sexan os preservativos.

12-06-2012

Existen outros métodos anticonceptivos, pero só preveñen de embarazos non desexados e é necesario unha exploración xinecolóxica para poder empregalos.

Segundo o mecanismo de funcionamento dos mesmos pódense clasificar do seguinte xeito:

  • Barreira: Son aqueles que impiden o ascenso dos espermatozoides á cavidade uterina, xa sexa formando unha barreira mecánica (preservativo, diafragma,...) ou química (óvulos vaxinais e espermicidas). Teñen unha eficacia media/alta, pero o diafragma debese empregar conxuntamente con espermicidas e viceversa.
  • Hormonais: Son aqueles métodos baseados no uso de hormonas sexuais (estróxenos e/ou proxesterona). Entre eles están: a pílula anticonceptiva, o parche transdérmico, o anel vaxinal e os inxectables hormonais e os implantes subcutáneos. Teñen unha eficacia alta/moi alta. Son varias as combinacións hormonais e as vías de administración, polo que é importante o asesoramento médico.
  • Intrauterinos: Son trebellos de plástico medicados, que se insiren na cavidade uterina (interior do corpo do útero), sempre requiren do seu implante por parte de persoal médico. Son dous os métodos que existen: DIU e DIU hormonal. Teñen unha eficacia alta.
  • Cirúrxicos: Son aqueles métodos que consisten no bloqueo cirúrxico dos condutos que permiten ós óvulos ou ós espermatozoides saír do seu almacenamento: ligadura de trompas e vasectomía. Estes métodos son definitivos.

Para máis información do funcionamento dos anteriores métodos podes consultar o apartado da nosa web sobre os mesmos premendo aquí.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.