Existe algunha posibilidade de facelo amor cunha persoa co <abbr title="Síndrome de Inmunodeficiencia Humana">SIDA</abbr> (sen preservativo) e non contaxiarte?

01-09-2012

Existe risco de transmisión do VIH-SIDA nas relacións sexuais cunha persoa infectada senón se emprega métodos de prevención axeitados; xa que a transmisión é través do contacto de fluídos: sangue, seme e secrecións vaxinais, que se dan na penetración vaxinal ou anal e nas relación buco-xenitais (sobre todo entraña risco se hai lesións na boca ou nos xenitais, inxírense as secrecións ou se manteñen na boca).

Durante as prácticas sexuais, normalmente, prodúcense pequenas lesións ou feridas microscópicas nas mucosas da vaxina, pene ou ano. A través destas pequenas aberturas o virus pode pasar ó sangue. Polo tanto, todas as prácticas sexuais que favorecen as lesións e as irritacións levan un aumento do risco de transmisión. A mucosa rectal é máis fráxil ca mucosa vaxinal, polo que é máis fácil que se produzan lesións na penetración anal.

Tanto o home como a muller poden transmitir o virus ás súas parellas.

Risco de transmisión nas prácticas sexuais:

  • Risco alto: penetración anal sen preservativo, penetración vaxinal sen preservativo e felación con exaculación na boca.
  • Con algunhas evidencias: felación sen exaculación sen preservativo, cunnilingus sen método de barreira e bico negro (rimming) ou annilingus sen método de barreira.
  • Sen risco: empregando métodos de barreira: penetración anal, felación, cunnilingus, bico negro e annilingus, uso non compartido de xoguetes sexuais, masturbación mutua, bicos, caricias, abrazos e masaxes.

O risco increméntase se na persoa non infectada: existe inflamación ou úlcera no tracto xenital, rectal ou oral, presenza de prepucio, ectopía (desprazamento ou mala localización) do cervix, menstruación, dispositivo intrauterinoe traumatismos no tracto xenital.

Como previr:

Utilizando o preservativo (masculino ou feminino) nas relacións sexuais con penetración (vaxinal, anal ou oral). Está demostrado que os preservativos impiden a transmisión do VIH. Por iso, un preservativo utilizado correctamente ofrece a máxima protección fronte á SIDA. No sexo oral feminino hai que empregar barreiras de látex (senón tamén se pode empregar un preservativo cortado para que faga de barreira).

Ter en conta:

  • Se se practica unha felación (estimulación do pene coa boca) hai risco de transmisión do VIH se hai lesións na boca ou nos xenitais, inxírese o seme ou se mantén na boca. Para evitar a transmisión débese utilizar preservativo.
  • Se se practica un Cunnilingus (estimulación da vulva coa boca) é importante utilizar barreiras de protección (preservativos cortados, anacos de plástico de envolver alimentos ou barreiras de látex) para que a boca non entre en contacto cos fluxos vaxinais, xa que é unha práctica sexual con risco de transmisión do VIH, sobre todo durante a menstruación.
  • Se se practica o annilingus (bico negro ou rimming) (estimulación do ano coa boca) existe risco de transmisión do VIH se hai presenza de sangue no ano ou na boca debido a algunha lesión. Para evitar a transmisión pódese utilizar calquera método barreira(preservativos cortados, anacos de plástico de envolver alimentos ou barreiras de látex) que impida o contacto directo da boca co ano.
  • O intercambio de xoguetes sexuais, como os consoladores, que entraron en contacto con fluxo vaxinal ou sangue, pode ser unha práctica de risco se se comparten ou se utilizan para diferentes prácticas sexuais (penetración vaxinal ou anal) polo que é importante utilizar preservativo.

Se xa mantiveches relacións sexuais de risco sería conveniente que acudiras a un especialista para unha valoración medica precisa do teu caso concreto. Para iso, podesacudir o teu médico/a de cabaceira para que che derive a un servizo especilizado ou pedir información sobre o VIH na sección de Innovación e Xestión da Saúde Publica da Consellería de Sanidade no teléfono 881 542 960 de luns a venres das 8:00 ás 15:00 horas ou na web www.sergas.es dentro do Espazo da Cidadanía e premendo no botón Contacte connosco.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.