O Ministerio de Sanidade combaterá a imaxe positiva do alcohol que se transmite nos medios de comunicación

Botella de alcohol valeira

29/04/2010

Utilizará as redes sociais para difundir mensaxes de concienciación entre os máis novos/as, xa que demostraron ser efectivas e máis baratas.

O Ministerio de Sanidade e Política Social porá en marcha un programa específico de prevención do consumo de alcohol entre menores e embarazadas, que incidirá na sensibilización dos medios de comunicación sobre os perigos de dar unha imaxe positiva da bebida, a través do uso de webs para pais e nais e redes como Facebook ou Twitter para aumentar a concienciación. A iniciativa enmárcase dentro do Plan de Acción sobre Drogas 2009-2012.

O secretario xeral de Política Social e Consumo do Ministerio de Sanidade, Francisco Moza Zapatero, anunciou na súa comparecencia ante a Comisión Mixta para o Estudo das Drogas, esta medida. Sinalou que o consumo de alcohol entre os máis novos/as é un problema que "segue sendo preocupante porque seguen aumentando as borracheiras na maioría das enquisas", xa que, ademais, na última estratexia de prevención e redución do consumo de alcohol na mocidade -contida na Estratexia Nacional sobre Drogas 2000-2008- non se logrou aumentar a percepción de risco nesta poboación.

Na súa opinión, no actual plan contra as drogas, será "unha prioridade", "atender de inmediato" este problema, para o que se poñerá en marcha un programa específico de iniciativas para a promoción do lecer na mocidade e o seguimento das entradas en urxencias de menores polo alcohol.

A iniciativa inclúe campañas de concienciación a través de redes sociais como Facebook ou Twitter, que segundo Moza, demostraron, a partir dun proxecto piloto posto en marcha en decembro, que "sendo máis baratas, son infinitamente máis efectivas para comunicar mensaxes ós mozos/as".

Así mesmo, este plan incluirá medidas para concienciar sobre os perigos do alcohol ás embarazadas, para protexer ó neonato, e pais e nais en xeral lanzando mensaxes en webs visitadas por eles con frecuencia.

 

FONTE: Unión de Asociación e Entidades de Atención ó Drogodependente.