Desvelan como a marihuana afecta as emocións

Radiografía dun cerebro con marihuana

08/04/2011

Os resultados do estudo, que se publican na revista “Journal of Neuroscience”, poderían tamén explicar o posible vínculo entre o uso da marihuana e a esquizofrenia.

Investigadores da Universidade de Ontario Occidental en Canadá descubriron un mecanismo cerebral crítico responsable dos efectos das drogas cannabinoides sobre como o cerebro procesa a información emocional. Os resultados do estudo, que se publican na revista "Journal of Neuroscience", poderían tamén explicar o posible vínculo entre o uso da marihuana e a esquizofrenia.

As drogas similares á marihuana actúan sobre receptores naturais do cerebro chamados receptores cannabinoides. Con todo descoñécense os mecanismos mediante os que estas drogas producen dentro do cerebro as súas alteracións sobre o estado de ánimo e os sentidos.

Os científicos/as descubriron que a activación dos receptores cannabinoides directamente nunha rexión do cerebro chamada amígdala podía influír de forma destacable sobre o significado da información emocional e os procesos de memoria.

Tamén aumentaban os patróns de actividade das neuronas nunha rexión conectada do cerebro chamada cortiza prefrontal, que controla tanto como o cerebro percibe os significados emocionais da información sensorial entrante como a forza dos recordos asociados con estas experiencias emocionais.

Segundo explica Steven Laviolett, director do estudo, "estes descubrimentos son de gran relevancia clínica dadas as recentes evidencias que suxiren que a exposición á marihuana durante a adolescencia pode aumentar a probabilidade de desenvolver esquizofrenia despois".

Laviolett engade que se sabe que existen anomalías tanto na amígdala como na cortiza prefrontal nos pacientes con esquizofrenia e que agora saben que estas mesmas áreas cerebrais son críticas nos efectos da marihuana e outros fármacos cannabinoides sobre o procesamento emocional.

Ademais, os descubrimentos identifican un novo mecanismo cerebral polo que as drogas que actúan sobre o sistema cannabinoide poden distorsionar a relevancia emocional da información sensorial entrante, o que á súa vez podería conducir a efectos secundarios psicóticos como a paranoia asociada ao consumo elevado de marihuana.

O desenvolvemento de compoñentes farmacolóxicos que bloqueen ou modifiquen este mecanismo podería axudar a controlar os episodios psicóticos. Isto podería tamén utilizarse para axudar a pacientes con trastorno de tensión postraumática que teñen dificultade controlando a reaparición de episodios moi emotivos na súa memoria.

 

FONTE: AS DROGAS INFO