Ola María, comunicábame contigo para preguntarche que:

¿Podo ser alérxica ós porros?. Xa que por así dicilo doume unha segunda branca e síntome fatal..Si fumara unha terceira, ¿pasaríame o mesmo?

28-12-2013

Ca información que proporcionas é difícil dar unha resposta concreta, xa que os efectos das sustancias dependen de varios factores: da propia sustancia, da persoa e do contexto. Pero polo que comentas, pode que sexas unha persoa especialmente “sensible" ós efectos do cannabis, xa que todas as persoas temos unha vulnerabilidade diferente as drogas, é dicir, a mesma sustancia en dúas persoas diferentes produce efectos distintos. Polo que, pode que nun seguinte consumo che volva a ocorrer. Deberías plantexarte que relación queres ter co cannabis.

Tralo consumo de cannabis prodúcese o que se denomina “borracheira cannábica” con sequidade de boca, enroxecemento ocular, taquicardia, descoordinación de movementos, risa incontrolada, somnolencia, alteración da memoria, da atención e da concentración. Ademais, o fumarse sen filtro, aspirando profundamente o fume, reténdoo nos pulmóns e apurándoo ata o final, favorece o seu efecto broncodilatador potenciando a absorción de sustancias tóxicas.

Nalgunhas persoas pódese dar unha “intoxicación cannábica” (baixón, branca,..) con aumento da frecuencia cardíaca, vasoconstrición cutánea, conxuntivite e caída das pálpebras, hipotermia, aumento do apetito, “fame negra”, estado eufórico (verborrea, hilaridade), estado disfórico (abatemento, somnolencia, estado de ánimo deprimido), alteracións da percepción temporo-espacial e perda do equilibrio. Na maior parte dos casos chega con abandonar o consumo e poñer a cabeza á mesma altura ca o corpo (posición horizontal)e manter a calma.

Esta sintomatoloxía é moi variable e vai depender da concentración en cannabinoides, dose consumida, interacción con outras drogas (o alcohol e tranquilizantes aumentan as posibilidades de que isto ocorra) vulnerabilidade biolóxica da persoa, personalidade do consumidor/a, do estado de ánimo previo, das expectativas de consumo, circunstancias que o rodean.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.