Dúbidas

Ola María, pois a verdade é que si baixoume a regra hoxe día 26 e o mes pasado veume o 27, non sei si pola píldora do día despois fixo que se me adiantara. Eu quero facerche unha pregunta, como che dixen teño 18 anos e meu mozo e eu levamos unha relación de case un ano eu penso que prefiro tomar a píldora semanal antes de andar con estes sustos ti que me recomendas para a miña idade?

26-02-2014

Alédome de que ó final todo saíra ben. Os pasos que seguiches foron os correctos, pero a a inseguridade e a preocupación fixeron que pasaras un mal rato.

En canto, a cambiar de método anticonceptivo é algo que debes falar ca túa parella, evaluando as vantaxes e inconvenientes de cada método e valorar o máis axeitado para o voso caso en concreto.

A continuación déixoche información sobre ambos métodos, para que o poidades valorar mellor.

O preservativo masculino presenta as seguintes vantaxes: é o único método que protexe tanto dos embarazos como das ITS, é moi efectivo se se usa ben, non ten efectos secundarios, é fácil de usar, comparte a responsabilidade, pode aumentar o tempo de erección, nalgunhas asociacións, puntos de información xuvenil, hai reparto gratuíto e serve para todo o mundo. Entre os inconvenientes que presenta están: se non se usa correctamente perde efectividade e mesmo pode romper e nalgunhas persoas son alérxicas ao látex, pero existe unha alternativa: os preservativos de poliuretano.

En relación á pílula anticonceptiva entre as súas vantaxes da pílula están que regula o ciclo menstrual, pode diminuír as molestias menstruais e algunhas regulan os desamaños hormonais que poden facer, por exemplo, que aumente a lanuxe no corpo (pernas, brazos, cara...). Entre as desvantaxes: hai que lembrar tomala cada día, se esqueces unha toma, non é efectiva nese ciclo, se tes vómitos ou diarreas, antes das dúas horas posteriores á toma da pastilla, hai que repetila, porque poida que o corpo non a asimilara e pode ter efectos secundarios (consultar con profesionais).

Lembra que á hora empregar calquera método anticonceptivo hormonal é necesaria a indicación facultativa dun/ha especialista, que será quen che indica cal é o método máis apropiado para o teu caso, xa que existen varias combinacións hormonais e as vías de administración. Para o que podes acudir ó teu médico/a de cabeceira, xinecólogo/a ou a un centro de orientación e planificación familiar. O máis próximo á nosa comarca é o Centro de Planificación de Santiago, e podes chamar directamente para concertar unha cita. Este é un servizo gratuíto que conta cun equipo multidisciplinar ( psicólogo/a, enfermeiro/a, xinecólogo/a,…). O Centro de Planificación atópase en Santiago na Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572. Para pedir cita tes que chamar en horario de mañá.

A pílula anticonceptiva só nos protexe de embarazos non desexados, nunca de ITS e/ou VIH-SIDA.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.