Fumo máis ou menos dende ai un ano e medio e nunca me pasara nada pero ultimamente encóntrome mal despois de fumar. Iso a que debe?

24-11-2013

Como non nos queda claro que fumas (tabaco ou cannabis) a resposta dámoscha para os dous casos.

As sustancias que compoñen un cigarro e un porro teñen compoñentes tóxicos que afectan a diversas funcións do noso organismo. Entre as funcións máis comúns do noso organismo que se ven afectadas por estas sustancias están:

- A función dixestiva, xa que a nicotina aumenta a secreción dos ácidos gástricos o que provoca dificultades estomacais e incluso poden chegar a provocar gastrite e úlceras. Ademais ambos teñen efectos broncolodilatadores o que potencian a absorción das sustancias tóxicas que conteñen.

- A función cardiovascular tamén se ve afectada xa que ambas sustancias afectan o ritmo cardíaco, podendo provocar taquicardias e aumento da presión arterial e nas persoas con hipertensión ou insuficiencia cardíaca poden sufrir un empeoramento da súa sintomatoloxía.

- En canto á función respiratoria os fumadores expóñense a trastornos de todo o aparello respiratorio, incluíndo cancro de pulmón. E no caso dos porros o feito de fumarse sen filtro, aspirando profundamente o fume, reténdoo nos pulmóns e apurándoo ata o final, favorece enfermidades como a bronquite crónica, o enfisema pulmonar ou o cancro de pulmón. Ademais, o seu efecto broncodilatador potencia a absorción de sustancias tóxicas.

Así que, tras un consumo continuado de ambas sustancias poden aparecer efectos secundarios que antes non tiñas, xa que os efectos nocivos do tabaco e do cannabis aparecen a medio e longo prazo.

Sería recomendable que acudirás o teu medico/a de cabeceira para que se realizara unha exploración e que indicara un tratamento específico e deberías comezar a plantexarte deixar de fumar.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.