Teño fantasías sexuais cun compañeiro meu de clase, pero son un home. Como podo facer para non as ter? E que eu non me sento homosexual.

21-10-2013

Ter fantasías cunha persoa do mesmo sexo non determina a orientación sexual.

Na adolescencia danse unha chea de cambios, desexos de experimentar, de coñecernos á nós mesmos/as e de relacionarnos cos demais e, en ocasións, pode ocorrer que se teñan fantasías ou condutas homosexuais. Isto pode ser por varias razóns, afán de vivir novas experiencias, por medo a relacionarse con outros sexo, por probar algo novo,….. De feito, hai persoas que, tras ter algunha práctica homosexual, consolidan a súa heterosexualidade e outras persoas, en cambio, terminan definindo o seu desexo cara o mesmo sexo.

Ademais, as fantasías sexuais e soños eróticos son algo normal dentro da vivencia da sexualidade das persoas, e xeralmente producen unha sensación agradable. Pódese fantasiar con todo que se queira e non quere dicir que nos gustase facer "de verdade" aquilo co que fantasiamos. Que una persoa soñe que ten relacións con outras persoas é algo habitual e non significa que desexe a outras persoas, os contidos nas nosas fantasías non dependen dunha maneira consciente de nós.

O que pode estar a ocorrer no teu caso é que eses soños se repitan por que causan en ti unha sensación desagradable e, ás veces, cando evitamos soñar con algo soemos soñar con iso. Por iso sería importante que non lle deras importancia a eses soños para que así poidan ir desaparecendo.

Lembra que homosexual, heterosexual,bisexual …. só son etiquetas e quen nos gusta son persoas. A diversidade que conformamos as persoas e as nosas experiencias vitais, é moi rica e variada, e non pode resumirse en conceptos tan limitados e que ademais, non inclúen elementos relacionados como son o ter fantasías sexuais, a vinculación emocional (sentir tenrura, namoramento,...) e/ou ter relacións afectivas e sexuais.

Se chegaras a ter, nalgún momento, algunha dúbida acerca da túa orientación sexual, o mellor é que teñas un pouco de paciencia e non te deixes levar polos nervios ou la intranquilidade. Deixa que as cousas evolucionen, non as forces. Co tempo irás tendo máis claro este tema, cobrando seguridade e o desexo "aclararase". De todos xeitos, recorda que si tes dificultades ou problemas en relación con este tema, podes pedir axuda.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.