Que consecuencias pode ter o consumo de porros diarios nun adulto?. É o mesmo que usar tranquilizantes?. Que pode levar a un adulto cunha familia formada a consumir estas sustancias?

20-11-2013

Os efectos do consumo do cannabis van depender de diversos factores, a idade na que comezou a consumir, a frecuencia e cantidade dese consumo, e as características da persoa tanto biolóxicas como psicolóxicas.

Entre os efectos máis comúns do consumo continuado de cannabis a longo prazo están:

− Problemas de memoria e aprendizaxe.

− Dependencia (7-10% dos que o proban).

− Trastornos emocionais (ansiedade, depresión) e da personalidade.

− Enfermidades bronco-pulmonares e determinados tipos de cancro.

− Trastornos do ritmo cardíaco (arritmias).

− Psicose e esquizofrenia (especialmente en individuos predispostos). O consumo de cannabis aumenta máis de cinco veces o risco de padecer psicose ó longo da vida. Canto antes se comeza a consumir e máis frecuente é o consumo, maior é o risco.

O consumo de cannabis pode provocar relaxación, somnolencia e sensación de lentitude no paso do tempo por iso algunhas persoas o “empregan” como tranquilizante, pero ten ademais outros efectos (desinhibición, alegría desmedida,aumento do ritmo cardíaco e a tensión arterial, percepción distorsionada, dificultades para pensar e solucionar problemas, …) que non teñen os medicamentos para reducir a ansiedade, ademais no caso destes últimos son receitados por un especialista que vai indicar a dose, frecuencia necesaria para a sintomatoloxía dunha persoa determinada.

Entre os motivos que levan a unha persoa a consumir cannabis poden ser múltiples e, en ocasións, nin a mesma persoa é capaz de identificalos, por iso unha das fases do proceso terapéutico é identificalos para poder recoñecelos e poder facerlles fronte. En ocasións, moitos deles, son mitos que atribúen o cannabis efectos que non produce na persoa.

Existe na nosa sociedade unha crenza bastante estendida de que o cannabis é unha sustancia que consome a mocidade, pero si hai algo que caracteriza as persoas consumidoras de cannabis é a gran heteroxeneidade, non só no que se refire a situación económica, nivel de estudos, situación laboral senón tamén no que refire a idade.

O cannabis é a droga ilegal máis estendida entre a poboación mundial e en España, ademais, ten unha taxa de prevalencia alta (27% da poboación española probouno unha vez na vida). Dificilmente se podería chegar a estas cifras senón se dera unha percepción social de certa tolerancia respecto do cannabis xunto cunha diminución da percepción da súa perigosidade.

Por outra banda o cannabis, a diferenza doutras drogas ilegais, presenta características que contribúen a unha percepción normalizada do seu consumo: o establecemento e desenrolo do que se define como “cultura cannábica”, a relativa facilidade de acceso a esta sustancia e a presenza dunha maior estruturación familiar e laboral en comparación con outras toxicomanías.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.