Son muller e gustaríame saber como podería darlle sexo oral á miña moza sen risco de contraer ningunha enfermidade. Existen preservativos para mulleres que sirvan tamén para o sexo oral?

19-06-2014

Antes de nada pedir desculpas pola tardanza, pero a semana pasada non puidemos responder as preguntas por diversas circunstancias. Sentímolo.

Existe risco de transmisión de virus en todas aquelas prácticas en que o virus contido no sangue ou no fluxo vaxinal dunha muller infectada penetran no organismo doutra muller. Un virus entra no noso organismo só a través de feridas; estas poden ocasionarse nalgunhas prácticas sexuais.

A continuación déixoche información sobre as prácticas sexuais que poden implicar un maior risco de transmisión do VIH e doutras ITS e, sobre todo, de como facer para que estas sexan prácticas seguras:

Chupar o sexo(cunnilingus): O contacto da boca co fluxo vaxinal é unha práctica sexual con risco de infección; risco que aumenta coa menstruación pola presenza de sangue. Se ides a realizar esta práctica, podedes tomar precaucións para facer que esta práctica sexa segura.

No caso de feridas na boca ou de inflamación nas enxivas, podes utilizar un condón aberto. Tamén podes utilizar un anaco de plástico de envolver alimentos (procura que sexa resistente) ou un dental-dam (barreira de látex que venden nos sex-shops). Elixide o método que máis vos guste.

Fregar sexo con sexo: Tamén se entra en contacto con fluxo vaxinal, pero se non hai feridas nas mucosas xenitais o virus non terá porta de entrada ó corpo. Só nalgúns casos poderiades causarvos feridas que significasen algún risco. Por tanto, esta práctica é de baixo risco, sobre todo se non hai presenza de sangue. De todos os xeitos, se preferides protexervos de todo, emprega unha barreira de plástico ou de látex colocada entre os vosos sexos.

Xoguetes sexuais: O intercambio de xoguetes sexuais que entraron en contacto con fluxo vaxinal ou sangue é unha práctica de risco de transmisión de ITS e VIH. Para previlo, utilizade un preservativo para cada unha e non intercambiedes os xoguetes.

Masturbación e penetración con dedos e man: Masturbar ou penetrar á túa parella coa man ou cos dedos pode ser unha práctica de risco se tes pequenas feridas producidas por cortes, queimaduras ou por morderche as uñas, xa que estas poden ser unha porta de entrada a diferentes infeccións. Este risco aumenta coa presenza de sangue menstrual. Para gozar sen risco é suficiente con utilizar unha luva de látex fino ou un protector de dedo (dedil), que podes atopar en farmacias ou en drogarías.

Nas prácticas sexuais, á hora de previr, cada persoa escolle o grao de seguridade que quere ter. Lembrádeo.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.