Como sabes se che gusta alguén?

16-12-2013

Cada persoa vive de forma diferente o desexo e a atracción por outras persoas, é algo persoal.

Só ti o podes saber, pero se tes dúbidas non te preocupes ten pouco de paciencia e non te deixes levar polos nervios ou a intranquilidade. Deixa que as cousas evolucionen, non as forces. Co tempo irás tendo máis claro este tema, cobrando seguridade e o desexo "aclararase".

A continuación deixámosche información do que é o desexo e os sentimentos sexuais por se che axuda a aclarar os teus sentimentos.

O desexo

É é unha emoción, un impulso, unha forza que nos move ó encontro íntimo con outras persoas. Motívanos a relacionarnos, a compartir intimidade, a manter relacións afectivas e sexuais, a gozar e pasárnolo ben, a sentir pracer... Xunto coa atracción e o namoramento, forman o que se coñece como sentimentos sexuais, sentimentos que constitúen un magnífico patrimonio da sexualidade humana e que regularán esta durante toda a nosa vida.

É un sentimento normal e saudable. Pódese vivir con maior ou menor intensidade, pode ocupar un lugar máis ou menos importante na nosa vida. Podemos decidir satisfacelo a través de diversas condutas sexuais con outras persoas ou de maneira autoerótica, ou tamén aprazalo. O que non podemos é anulalo ou facer que desapareza. O importante é que non sexa causa de malestar e que podamos vivilo e expresalo con respecto, liberdade e naturalidade.

Podemos sentir desexo ó ver a alguén, ó estar en contacto con outra persoa, ó imaxinar, ó lembrar... e tamén pode aparecer de súpeto, porque o noso corpo reacciona ante un estímulo calquera, e na adolescencia isto é frecuente. Hai moitas persoas, situacións... que poden resultarnos desexables.

Cando desexamos podemos chegar a sentirnos plenos/as de enerxía e excitación. Os nosos corpos reaccionan: cambia a respiración, o pulso, pode aumentar o tamaño dos peitos e os xenitais, pode haber erección nas mamas, o clítoris, o pene, lubricación na vaxina... xorden pensamentos e a imaxinación recréase... desexamos.

O desexo sexual xorde e especifícase durante o desenvolvemento sexual que dá comezo coa puberdade.

Os sentimentos sexuais

  • O desexo: "É un estado interno que mediatiza a existencia humana e impúlsanos á procura de contacto e a interacción sexual". Este sentimento ten unha forte raíz biolóxica (polo que na adolescencia co aumento e cambios hormonais vívese moi intensamente), pero o como se vive (pódese controlar, orientar, dar distintos significados...) e de que maneira se satisfai (poden levarnos a buscar satisfacción sexual ou non, a desexar abrazar e ser abrazado e acariñado, a ter fantasías, desexo de realizar determinadas condutas sexuais...) depende de moitos factores de tipo persoal, relacional e cultural.
  • A atracción: Implica desexo, pero diríxese concretamente cara a unhas persoas determinadas. É cando ao desexo sexual se lle pon cara.
  • O namoramento: Leva desexo e atracción. Fai que a persoa da que nos namoramos pareza insubstituíble. É exclusiva, única, no sentido de que «só esa persoa» pode satisfacernos. O namoramento produce un estado de fascinación que nos impulsa a entregarnos e a desexar intensamente que o sentimento sexa correspondido. Todo xira ao redor desa persoa: fantasiamos, interesámonos por ela, damos o mellor de nós...

A vivencia do desexo sexual é unha experiencia fascinante e subxectiva. Nesta aventura de relacionarnos, é fundamental facelo cunha ética das relacións, que teña como ingredientes a comunicación, a sinceridade, o respecto, a liberdade...

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.