Pílula diaria

Ola María, son unha rapaza de 16 anos e habitualmente manteño relacións co meu mozo e quería empezar a tomar os anticonceptivos diarios pero non sei a onde teño que ir nin que teño que facer. Hai algunha maneira de que na miña casa non o saiban aínda ou necesito a algún dos meus pais responde en canto podas. Por favor, un bico.

09-06-2014

Os métodos anticonceptivos hormonais empregan estróxenos e/ou proxesterona (hormonas sexuais). Estas hormonas poden actuar da seguinte maneira, dependendo de cada método:

- Impedindo que se desenvolva a ovulación na muller.

- Alterando o estado natural do cérvix e do endometrio, co obxectivo de impedir que se chegue a realizar a fecundación (no caso improbable de que houbese ovulación).

- Modificando o estado natural da vaxina, contribuíndo a que, no hipotético caso de que o anterior fallase, e o óvulo fose fecundado, non se desen na vaxina as condicións necesarias para que o óvulo implantar e dea lugar ao comezo dun embarazo.

Á hora empregar calquera método anticonceptivo hormonal é necesaria a indicación facultativa dun/ha especialista, que será quen che indica cal é o método máis apropiado para cada muller, xa que existen varias combinacións hormonais e as vías de administración. Ademais:

- Non é recomendable que a utilicen mulleres que fuman, nin aquelas que teñan problemas circulatorios ou de fígado e outras en diversas circunstancias, polo que é básico o asesoramento profesional.

- Algúns medicamentos poden interferir no seu funcionamento, polo que se se van a tomar medicamentos, é fundamental informar á médica ou médico, para que teña en conta que se está utilizando anticoncepción hormonal.

Podes acudir ó teu médico/a de cabeceira, xinecólogo/a ou a un centro de orientación e planificación familiar. O máis próximo á nosa comarca é o Centro de Planificación de Santiago, e podes chamar directamente para concertar unha cita. Este é un servizo gratuíto que conta cun equipo multidisciplinar (psicólogo/a, enfermeiro/a, xinecólogo/a,…). O Centro de Planificación atópase en Santiago na Rúa Londres, 2 – Fontiñas e o teléfono é: 981 577 572. Para pedir cita tes que chamar en horario de mañá.

En canto a idade para poder empregalos, segundo a Lei española sobre a autonomía do/a doente, 41 de 2002, estableceu un sistema de consentimento dos/as menores, cuxa aplicación depende do caso concreto. No caso de menores de máis de 16 anos e el/a quen debe tomar a decisión autonomamente (se a intervención é de grave risco o/a profesional sanitario deberá informar os pais, pero este non é o caso). Pero, ás veces, depende do/a profesional que che atenda, algún pode non querer receitala ó ser menor de idade.

A pílula anticonceptiva esta presenta vantaxes e desvantaxes. Entre as vantaxes da pílula están que regula o ciclo menstrual, pode diminuír as molestias menstruais e algunhas regulan os desamaños hormonais que poden facer, por exemplo, que aumente a lanuxe no corpo (pernas, brazos, cara...). Entre as desvantaxes: hai que lembrar tomala cada día, se esqueces unha toma, non é efectiva nese ciclo, se tes vómitos ou diarreas, antes das dúas horas posteriores á toma da pastilla, hai que repetila, porque poida que o corpo non a asimilara e pode ter efectos secundarios (consultar con profesionais).

Lembrar que a pílula anticonceptiva só nos protexe de embarazos non desexados, nunca de ITS e/ou VIH-SIDA.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.