Non sei se son gay

A min de toda a vida gústanme as mulleres e síguenme gustando, pero a partir de ahora non sei q me pasa pero empezo ver atractivos a algúns homes tamen e sinto Tamen algo de atraccion por eles e non o entendo e non sei si son gay heterosexual ou bisexual estou un pouco feito un lío...

04-08-2019

A orientación sexual é a inclinación do noso desexo sexual e fai referencia ó tipo de estímulos ós que as persoas nos sentimos atraídas sexualmente, ós que se dirixe o noso interese sexual e con quen temos ou desexamos ter condutas sexuais.

A orientación sexual vaise configurando dende o nacemento; pero é na adolescencia onde se perfila (aínda que pode sufrir cambios ó longo de toda a vida). O que ocorre é que a adolescencia é unha etapa chea de cambios, de desexos de experimentar, de coñecerse a si mesmo e de relacionarse cos demais. Este afán de vivir novas experiencias fai que, en ocasións, se teñan fantasías ou se leven a cabo condutas homosexuais por diversas razóns (por medo a relacionarse co outro sexo, por probar algo novo...) Agora ben, isto non determina de forma definitiva a orientación sexual. Estas vivencias poden ser froito dun período de indecisión, de experimentación persoal, etc. Hai moitas persoas que, tras ter algunha práctica homosexual, consolidan a súa heterosexualidade. Outras persoas, en cambio, terminan definindo o seu desexo cara o mesmo sexo.

Tanto si estás feliz de identificarte coma unha u outra cousa, coma se aínda non che apetece poñerte un cualificativo, ou estás en contra das etiquetas e das definicións cerradas, lembra de que É COUSA TÚA. A fin de contas, a túa sexualidade é túa e ti es quen debe sentirse a gusto con ela.

Calquera das orientacións do desexo supón unha maneira lexítima e saudable de vivir a sexualidade. Dende calquera orientación sexual podemos resolver as nosas necesidades afectivas, sexuais e de relacións culturais.

Por outra banda debemos lembrar que esta clasificación de homosexualidade, heterosexualidade e bisexualidade, responde a unha forma de organizar as distintas expresións e vivencias do desexo sexual, e non é máis ca iso UNHA CLASIFICACIÓN.A diversidade que conformamos as persoas e as nosas experiencias vitais, é MOI RICA E VARIADA, e non pode resumirse en conceptos tan limitados e que ademais, non inclúen elementos relacionados coa orientación do desexo como son o ter fantasías sexuais, a vinculación emocional (sentir tenrura, namoramento,...) e/ou ter relacións afectivas e sexuais.

O definirte ou non, e o compartir esta definición cos demais, é unha decisión persoal, o fundamental e ter claro que a túa vivencia sexual axudarache a resolver as túas necesidades de intimidade e vinculación, e que tanto a homosexualidade, como a heterosexualidade e a bisexualidade, son opcións igualmente válidas, satisfactorias e saudables. Déixate levar polos teus sentimentos, sexan homes ou mulleres os que che atraian, ó final o que nos atraen son determinadas persoas.

Esperamos que esta información resolvera as túas inquedanzas, senón non dubides en volver a poñerte en contacto connosco ou se tes algunha outra. Grazas.