Fracasa outro xel vaxinal contra a SIDA

Lazo vermello da SIDA

07/01/2010

O xel microbicida vaxinal PROL 2000, exposto para previr infeccións de VIH en países pobres con reticencias ante o preservativo, non é eficaz para evitar a transmisión do virus, segundo constata un ensaio internacional, no que participaron 16 centros de investigación africanos e europeos, entre eles o Centro de Investigación en Saúde Internacional de Barcelona -Hospital Clínic de Barcelona, dirixido por Pedro Alonso. O ensaio, o maior realizado até a data cun xel preventivo con 9.385 mulleres africanas participantes e durante catro anos, constatou o fracaso deste produto. Nun ensaio anterior, máis pequeno, os resultados foran prometedores.

Durante a investigación comparouse o xel PROL 2000 cun produto placebo, sen actividade farmacolóxica. Os resultados demostran que o risco de infección polo VIH non foi significativamente distinto para as 3.156 mulleres que utilizaran o xel en comparación cas 3.112 que utilizaran o placebo (130 fronte a 123 deron positivo para o VIH, respectivamente), aínda que o xel activo demostrou ser un produto seguro. As participantes no estudo recibiron, ademais do xel, un paquete de prevención do VIH que incluía preservativos gratuítos, consellos para a práctica de sexo máis seguro e información sobre saúde sexual.

O 95% dos infectados/as por VIH vive en países empobrecidos. A maioría son mulleres do África subsahariana que contraeron o virus a través das relacións sexuais. As mulleres non sempre son capaces de introducir o uso do preservativo, e este non foi suficiente para controlar a epidemia da SIDA, o que levou a especular que o uso de microbicidas vaxinais, empregados antes da actividade sexual, podería axudar a reducir a infección.

A doutora McCormack , investigadora principal do estudo, lamentou os resultados obtidos, "sobre todo tendo en conta que nun ensaio de menores dimensións, esponsorizado polos Institutos Nacionais de Saúde de Estados Unidos, suxeriuse que este xel podería reducir o risco de infección por VIH nun 30%". Iso, segundo as súas palabras, "evidencia a necesidade de levar a cabo ensaios clínicos a gran escala, como este, para confirmar si un produto é ou non verdadeiramente eficaz".

O profesor Weber, co-director da xunta de goberno da Imperial College London, sinalou a importancia de continuar buscando novos camiños para a prevención da SIDA, e confirmou que "hai moitos grupos de investigación explorando diferentes vías para facer fronte ó VIH". "Aínda que é un proceso lento, estamos a facer progresos, e agora que sabemos que os microbicidas non son a resposta podemos concentrar os nosos esforzos noutros tratamentos", engadiu.

En que punto nos deixan estes resultados?, pregúntanse os científicos/as. Sen dúbida non son positivos xa que segue sen haber un microbicida que protexa ás mulleres ante a infección. Con todo, os investigadores/as destacan que é importante analizar todo o ensaio e deterse nos aspectos que poden permitir seguir e mellorar. A información deste traballo, tanto a nivel científico como social sobre as comunidades, é vital para axudar na investigación de microbicidas seguros e eficaces, indica Polly Harrison, Director da Alianza para o Desenvolvemento de Microbicidas.

Na actualidade, a comunidade científica está centrada no desenvolvemento dos microbicidas de segunda xeración, baseados en antirretrovirais (os mesmos compostos utilizados nos tratamentos para as persoas que viven con VIH e que permitiron salvar millóns de vidas). Os datos dispoñibles até agora indican que a súa eficacia ante o VIH poderá ser maior dado que son compostos específicos contra o virus. Estes candidatos a microbicidas están a ser estudados en ensaios clínicos en África, Europa e Norteamérica por diversas organizacións.

 

FONTE: MUNDO SALUD