Un estudio vincula o consumo de alcohol e outras drogas con prácticas sexuais de risco

Xóvenes facendo uso do alcohol para ligar

05/05/2015

Os mozos europeos máis asiduos a bares e discotecas nocturnos recorren ao alcohol como aliado para atopar un compañeiro sexual. A cocaína e o cannabis, pola contra, son as sustancias elixidas para prolongar a excitación. Unha enquisa levada a cabo en varios países comunitarios, entre eles España, pon sobre a mesa o problema sanitario que representa o crecente uso lúdico de alcohol e drogas.

A iniciativa acábase de publicar na revista de acceso libre BMC Public Health, e os seus autores insisten dende o principio en que os seus resultados coinciden cos de traballos anteriores na mesma liña, aínda que non pretenden ser representativos de toda a mocidade europea.

Primeiro recrutouse a dous mozos e dúas mozas de cada cidade, asiduos a ambientes nocturnos, e a través deles foise ampliando a mostra con amigos seus (despois amigos dos seus amigos, e así sucesivamente), até ter 150 participantes por cidade. Mediante unha enquisa anónima e voluntaria, os participantes responderon a varias cuestións sobre a súa idade de inicio no consumo de sustancias, da primeira relación sexual, hábitos nocturnos. O 88% deles bebía alcohol con regularidade.

 

Alcohol, un aliado do sexo

Os investigadores, pertencentes ao Instituto Europeo de Estudos en Prevención, detectaron que o uso de alcol, cannabis, cocaína ou éxtase durante as saídas nocturnas responde a unha estratexia planificada dos adolescentes, que recorren a cada sustancia en función do que buscan.

Un terzo dos mozos e unha cuarta parte das mozas, por exemplo, confesou empregar o alcohol para iniciar o contacto cunha posible parella sexual e facilitar o achegamento. Mentres que para manter o coito e prolongar a excitación sexual unha vez metidos en faena, recorren preferiblemente ao cannabis, a cocaína ou a éxtase.

 

A idea xeral é que o alcohol funciona para ter sexo, explica Amador Calafat, director da revista Adiccións e un dos investigadores españois participantes na iniciativa. Pola contra, o cannabis asóciase cun certo relaxamento e non é o máis desexado para o primeiro contacto; aínda que é a droga preferida polas mozas.

 

O estudo advirte de que o consumo de alcol nas catro semanas anteriores á enquisa, relacionouse con situacións tan diversas como manter relacións sen preservativo, ter máis de catro parellas sexuais diferentes ou mesmo mostrarse arrepentido por ter sexo baixo a influencia da bebida.

 

Sexo sen protección

Os mozos que tomaran alcohol ou/e outras drogas antes dos 16 anos eran máis proclives a ter o seu primeiro coito antes desta idade (especialmente no caso das mozas); e os consumidores habituais de cocaína eran os que menos uso facían de métodos anticonceptivos e máis infeccións de transmisión sexual padeceran. A estatística indica que os mozos españois teñen o seu primeiro coito entre os 16 e os 20 anos.

 

"Os mozos teñen unha idea moi clara das drogas e relacionan o seu uso coa xestión da súa sexualidade", engade Calafat, que explica que as cidades con máis ambiente nocturno (Berlín, Liverpool e Palma) son aquelas nas que a mocidade tendía a abusar máis das sustancias. Liverpool, por exemplo, era a cidade con maior consumo de cocaína; mentres que Liubliana e Venecia eran as dúas localizacións onde menor proporción de enquisados tivera a súa primeira experiencia sexual.

A investigación advirte que o papel dos estupefacientes na actividade sexual dos mozos pode ser un incentivo para que sigan consumindo, especialmente cando as drogas se converten nun 'aliado' na procura de relacións dunha noite. Por iso conclúen que este fenómeno debería terse en conta nas campañas de prevención dirixidas a esta poboación.

FONTE: El Mundo Salud