Tendencias en adiccións en España

Portada do estudo

15/07/2016

A UNAD presentou as conclusións do estudo sobre tendencia de adiccións e perfil das persoas atendidas por UNAD en 2015. O traballo, que se presenta hoxe, foi elaborado polo Colexio de Sociólogos e contou coa colaboración de 137 entidades adscritas á rede UNAD.

O perfil das persoas que solicitaron atención por problemas de adiccións o pasado ano é o dun home (61%), adulto de entre 26 e 44 anos (60%). As drogas máis consumidas entre as persoas que solicitaron axuda a UNAD son en primeiro lugar o alcol (25%), en segundo lugar a cocaína (24%), seguida do cannabis (21%). Hai que sinalar que o 80% das persoas que demandaron axuda son consumidoras de varias sustancias.

En relación ao xénero, por cada muller solicitante de axuda atendéronse a tres homes con problemas de adiccións, cabe sinalar que os homes apuntan cara a un maior policonsumo (80%) e tamén expoñen máis problemas coas adiccións sen sustancias (novas tecnoloxías, adicción ao móbil, etc…) mentres que hai máis mulleres que acoden por problemas cunha soa sustancia.

Solicitudes de tratamento por primeira vez

O estudo deste ano reflicte, nesta ocasión, as tendencias en materia de drogas xa que desagrega o perfil das persoas que solicitaron tratamento á rede UNAD por primeira vez. Neste sentido hai que dicir que o grupo maioritario atendido por vez primeira ten entre 26 e 44 anos (esta franxa representa un 41% do total). En relación á droga, o alcol é a sustancia máis consumida entre as persoas recentemente chegadas (29%); en segundo lugar, destaca o consumo de cannabis (24%).

No relativo ao xénero, entre as persoas que iniciaron tratamento o pasado ano apréciase tamén unha prevalencia do alcol, xa que é a droga principal pola que foron atendidas o 38% das mulleres e o 31% dos homes. Tamén se observa un aumento no consumo de cocaína por parte das mulleres que solicitaron axuda por vez primeira en 2015.

Adiccións sen sustancia

As adiccións sen sustancia ocupan un espazo propio na rede UNAD. O máis relevante que reflicte é, precisamente, o forte ascenso que rexistraron: a porcentaxe de mulleres atendidas duplicouse en 2015 mentres que o número de homes que pediu axuda por unha adicción sen sustancia multiplicouse por catro.

Prevención

No que se refire á área de prevención, o groso das persoas que se beneficiaron dos programas da rede UNAD foron mulleres adolescentes. Os servizos de prevención ocupáronse maioritariamente de mozas con idades comprendidas entre os 16 e 25 anos (55%), seguidos de adolescentes menores de 16 anos (32%). En materia de prevención, desde UNAD tamén se realizaron actividades con adultos novos (10%) e minoritariamente con maiores de 45 anos (3%).

Fonte: UNAD