Sobre a situación actual

Logo da entidade

10/05/2011

Nos programas de todas as formacións políticas que se presentan ás eleccións ao Concello de Riveira atopamos referencias á importancia de que a mocidade teña un espazo importante no Concello potenciando actividades lúdicas, deportivas, culturais, etc.

O que todos e todas queremos é unha mocidade sa, con posibilidades de desenvolvemento persoal, cun futuro mellor. E para iso pensamos, desde Renacer, que a información é un alicerce fundamental para a educación dos nosos mozos e mozas. De aí a importancia que dende a nosa Asociación, ao longo de 20 anos, déuselle ás actividades preventivas.

Previr, como indica a palabra, é anticiparse a un problema, velo vir antes de que suceda, porque é sempre máis conveniente non chegar a telo que tentar solucionalo. Por iso pensamos que esta labor orientativa e educativa debe de ser potenciada non soamente desde un plan estatal ou autonómico, senón que debe de estar apoiada polos poderes políticos máis próximos aos/as cidadáns, e estes son os concellos.

Por iso pedimos a todas as forzas políticas que non se esquezan de incluír entre as súas prioridades os labores de prevención do consumo de drogas e todas aquelas destinadas a promover hábitos de vida saudable.

 

FONTE: Asociación Renacer