SABORES ATRACTIVOS CON PERIGOS OCULTOS

29/05/2025
O 31 de maio celébrase o Día Mundial sen Tabaco a instancia da Organización Mundial da Saúde (OMS), coa finalidade de concienciar á poboación sobre os riscos do consumo de tabaco e novas formas de fumar. O lema deste ano é "Desenmascarar o seu atractivo"
Un dos principais desafíos ós que se enfrenta a saúde pública na actualidade é combater o atractivo do tabaco, nicotina e productos conexos, especialmente entre a poboación máis xoven. Na actualidade o consumo de tabaco e productos relacionados, así como a exposición ambiental das súas emisións constitúen unha das primeiras causas de morbi-mortalidade en todo o mundo, sendo un dos principais factores de risco evitable das enfermidades non transmisibles máis prevalentes. Ademais, o trastorno por consumo de tabaco queda clasificado na CIE-11 como trastorno debido ó consumo de substancias ou comportamentos adictivos.
En España, case 52.000 mortes prodúcense anualmente por esta problemática, por outra banda, non debemos esquecer que ó redor do 23,9 % da poboación entre os 16-65 anos, é fumadora, sendo o maior consumo entre o xénero masculino. A idade media de inicio ó consumo sitúase en 16,6 anos, aínda que as enquisas dirixidas á poboación xuvenil (ESTUDES) sitúano entorno ós 14 anos de idade. Tamén se debe ter en conta que o 19% da poboación afirma que as súas primeiras probas son cos cigarros electrónicos, polo que o emprego destes dispositivos está aumentando considerablemente entre a poboación máis nova constituíndo unha vía de iniciación ó consumo de tabaco. A poboación adolescente que probou os cigarros electrónicos ascende ó 46%, sendo máis elevada a porcentaxe entre a as rapazas.
O tabaco é o responsable directo dunhas 35 enfermidades distintas, non existindo un nivel de consumo seguro. Entre os novos productos de tabaco sinalar que os cigarros electrónicos e vapers conteñen compostos tóxicos, como a nicotina, glicerina e propilenglicol asi como nitrosaminas que actúan como axentes canceríxenos, as pipas de auga non están reguladas na súa composición, polo que hai moita variabilidade no seu contido de substancias podendo ter unha exposición superior a substancias tóxicas e canceríxenas.
FONTE: Ministerio de Sanidade