"Non conduzas baixo os seus efectos. Ao teu lado vamos todos"

Cartel da campaña

11/12/2012

Con esta lema, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha unha campaña de control e sensibilización para tentar evitar que se conduza baixo os efectos do alcol e as drogas, como o fixo en 2011 o 45 % dos condutores/as falecidos/as en accidente.

Durante dúas semanas, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizarán20.000 controis diarios aos condutores/as, en coincidencia coa proximidade das festas do Nadal, unhas datas nas que é habitual a celebración de comidas e ceas con amigos/as e compañeiros/as de traballo. Xa o ano pasado, a Garda Civil levou a cabo máis de 5,5 millóns de controis preventivos e máis de 130.000 deron positivo, o que representa o 1,8 %, aínda que esta porcentaxe diminuíu sensiblemente no transcurso dos anos, xa que en 2001, por exemplo, era do 5 %.

Segundo a memoria do Instituto Nacional de Toxicoloxía, das análises toxicolóxicas realizados ás vítimas mortais de accidentes de tráfico o pasado ano dedúcese que o 45% -é dicir, 316- dos condutores/as presentou resultados positivos en sangue a drogas e/ou psicofármacos e/ou alcol. A DXT lembra que este consumo é o factor de risco causante dun terzo dos sinistros mortais, polo que decidiu pór en marcha esta campaña de control, á que convidou a sumarse ás policías municipais dos concellos de máis de 25.000 habitantes.

Se o control de detección de droga resulta positivo, o condutor/a, explica a DXT, será sancionado administrativamente cunha multa de 500 € e a retirada de 6 puntos do carné. Pero ademais, se o condutor/a presenta unha sintomatoloxía evidente de conducir baixo a influencia de sustancias psicoactivas, será posto/a a disposición xudicial imputado por un delito contra a seguridade do tráfico. Nos cinco primeiros anos de implantación do carné por puntos, o 9 % dos infractores/as e o 14 % dos puntos detraídos tiveron como causa conducir cunha taxa de alcol superior á permitida.

O Código Penal establece penas de prisión de tres a seis meses ou multa económica de seis a doce meses (en función do salario persoal) ou de traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días para os condutores/as que manexen un vehículo de motor baixo a influencia de drogas tóxicas. Ao que se suma, segundo o Código, a privación do permiso de conducir por un tempo superior a un ano e até catro anos.

Ademais dos controis na estrada, a DXT emitirá en radio, TV, prensa e Internet diverso material audiovisual para concienciar á sociedade dos riscos de conducir baixo os efectos do alcol ou as drogas. Un dos anuncios mostra como as drogas e o alcol engaden unhas "prestacións" extra en comparación ás que equipan un vehículo e que afectan á parte máis importante da persoa que conduce, o seu cerebro.

España, avisa a DXT, aparece como un dos primeiros países do mundo en consumo, por exemplo, de cocaína e cannabis, co 4 e o 10 %, respectivamente, de prevalencia de consumo entre a poboación en xeral. Baixo a lema "Non conduzas baixo os seus efectos. Ao teu lado imos todos", a campaña quere pór de manifesto que conducir tras inxerir sustancias psicoactivas incrementa entre 2 e 7 veces a probabilidade de provocar ou sufrir un accidente de tráfico.

Distorsión da atención, dificultade na coordinación, aumento do tempo de reacción, velocidade excesiva e euforia son algúns dos efectos que produce a inxesta de alcol e drogas sobre a condución, que ademais de provocar máis accidentes causa lesións máis graves. Tamén o consumo destas sustancias afecta o/a peón como usuario/a das vías e, así, o ano pasado, segundo o Instituto de Toxicoloxía, 81 peóns, é dicir, o 42,19 % do total de falecidos/as en accidente, presentaron resultados positivos en sangue a drogas e/ou alcol. Someteerse á proba é obrigatorio e negar se a ela, é delito.

A única taxa segura é a 0,0.

Fonte:  As Drogas Info