Que ninguén “baile” baixo os efectos das drogas

Cartel da campaña

25/06/2013

Non bailes esta canción. Non conduzas baixo os efectos das drogas” é o slogan da nova campaña “Música Dance para que ti non a bailes”, creada pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD) para sensibilizar sobre os riscos asociados á condución baixo os efectos das drogas ilegais, especificamente a mozos/as de 16 a 24 anos.

Segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a probabilidade de provocar ou sufrir un accidente de tráfico se se conduce baixo os efectos das drogas increméntase entre dúas e sete veces respecto de quen non consomen ningunha sustancia. De feito, preto do 23% dos condutores/as até 30 anos falecidos/as en accidente de tráfico consumiran drogas. Os datos do estudo da FAD “A lectura xuvenil dos riscos das drogas” van na mesma dirección: o 8,1% da mocidade española de 15 a 24 anos recoñecen sufrir accidentes directamente relacionados co alcol e outras drogas nos últimos 12 meses.

Co obxectivo de facer reflexionar sobre os riscos que implica conducir baixo os efectos das drogas ilegais, fundamentalmente cocaína, éxtase e cannabis, a campaña difúndese a través de redes sociais, radiofórmula e internet (www.musicadanceparaquetunolabailes.com). Esta web inclúe unha parte informativa na que se explican claramente cales son os efectos destas sustancias e os seus riscos fronte á condución.

Os vídeos da campaña (que conta co financiamento do Goberno e o respaldo institucional da DXT) mostran o proceso de creación desinteresada dun tema dance por parte tres dos DJ máis recoñecidos do panorama dance español: Abel Ramos, Cristian Varela e Dani Moreno. O tres crearon un tema dance especificamente para tres mozos -Óscar, Jonathan e Xaime- que sufriron accidentes de tráfico con graves consecuencias. Trátase de temas dance adaptados ás posibilidades de mobilidade reducida de Óscar, Jonathan e Jaime, polo que soan desacompasados ou mesmo arrítmicos. En palabras do director xeral da FAD, Ignacio Calderón: "O que queremos é que eses temas non o baile ningún mozo/a máis. Que ningún mozo/a vexa truncada a súa vida por mesturar drogas e condución".

Na web, á parte de información veraz e realista sobre os efectos das drogas na condución e os vídeos da campaña, pódense escoitar os temas completos compostos polos DJ e os usuarios/as tamén poden crear os seus propios temas mesturando distintas bases musicais.

Para a FAD trátase dunha campaña moi especial non só polo importante tema que aborda senón porque se conseguiron máis apoios que nunca para realizala. En palabras de Ignacio Calderón: "É unha campaña que nace do esforzo conxunto, do traballo conxunto entre administracións e coa sociedade civil". Por este motivo, quixo agradecer "a súa ilusión, implicación e compromiso a todos os/as que quixeron botarnos unha man porque lles importan os miles de mozos/as que cada fin de semana arriscan as súas vidas conducindo tras consumir".

 

Fonte: El Mundo Salud