Programa FARO

Programa FARO

15/09/2026

Este curso 2026-2027 dende a nosa entidade poñemos en marcha unha nova programación de contidos sostida na evidencia científica e na observación directa das necesidades percibidas na poboación adolescente. 

O deseño das accións e actividades do programa están baseados na educación positiva para fomentar o benestar emocional e o desenvolvemento integral do alumnado; a educación positiva está sustentada no enfoque de fortalezas e céntrase en cultivar relacións respectuosas, promovendo a autonomía, responsabilidade e fomentando o crecemento persoal na adolescencia. Con esta metodoloxía acádanse os seguintes obxectivos:

-      Potenciar as habilidades.

-      Xestionar as emocións e conflitos.

-      Promover  valores como a empatía e resiliencia.

O Programa FARO, nas dúas primeiras sesións, en tódolos cursos, céntrase en identificar e consolidar as súas Fortalezas, promover unha Aceptación das diferenzas, diversidades e posibles dificultades, adestrar na Resiliencia para adaptarse ás situacións adversas e axudar a descubrir as diferentes Oportunidades; en vez de enfocarse exclusivamente en corrixir e remarcar as debilidades. Na terceira sesión as temáticas específicas de cada grupo son: Xestión adecuada das Tecnoloxías en 1º, Que sabemos das condutas adictivas en 2º, Sexualidade Consentida e Segura en 3º e Cales son as nosas oportunidades en 4º.

A súa implementación estrutúrase en tres sesións de 50 minutos cada unha,  a desenvolver con cada grupo, cunha periodicidade semanal. A proposta de contidos desglosada é orientativa podendo, cada centro educativo, adaptar a  cantidade de sesións  e contidos a abordar con cada aula, en función das súas características específicas.