Os nenos/as de nais fumadoras teñen máis de risco de padecer problemas respiratorios

Man con cigarro

21/03/2016

Os nenos/as menores de dous anos cuxas nais fumaron durante o embarazo teñen un 11 % máis de risco de desenvolver problemas respiratorios que os/as que non estiveron expostos ao fume de tabaco, segundo mostrou unha investigación liderada polo codirector e investigador do CREAL, Manolis Kogevinas, e que foi publicada na revista “European Respiratory Journal”.

Así mesmo, o traballo tamén constatou que o risco de síntomas respiratorios increméntase de maneira aínda máis notable cando máis sostida é a exposición ao fume nas diferentes fases previas e posteriores ao embarazo. Deste xeito, nos nenos/as expostos de maneira pasiva ao tabaco durantea xestación, e tamén despois do parto, o risco de sibilancias incrementouse nun 29 %.

En concreto, os casos nos que se detectou un maior risco foron aqueles/as en que as nais eran fumadoras activas antes do embarazo, alcanzando o 74 % cando, ademais, o neno/a recibía exposición pasiva ao fume despois do nacemento. Por outra banda, o risco de sibilancias foi maior nos nenos/as con antecedentes alérxicos paternos.

Até agora coñecíase que o tabaquismo materno durante o embarazo aumenta o risco de asma infantil, pero os efectos que a exposición pasiva ao fume durante o embarazo podía ter na saúde dos nenos/as non estaban claros.

Neste sentido, a investigación, que se levou a cabo con datos de 27.993 parellas nai-fillo/a de 15 cohortes europeas de nacemento, permitiu concluír que a exposición ao tabaquismo pasivo materno durante o embarazo é un factor de risco independente para as sibilancias nos nenos/a de até 2 anos de idade.

"Estes resultados teñen implicacións importantes para a saúde pública e indican a necesidade de protexer ás mulleres embarazadas e os nenos/as pequenos debido á exposición ao tabaquismo pasivo mediante a adopción dun estilo de vida libre de fume. As mulleres embarazadas deben evitar a exposición activa e pasiva ao fume do tabaco en beneficio da saúde dos seus fillos/as", resolveu Kogevinas.

Fonte: Las drogas info