O tabaco e o cancro de pulmón están asociados directamente no 92% dos casos

Radiografía pulmóns

01/10/2010

Segundo un traballo presentado no Congreso da Sociedade Respiratoria Europea, o 8% restante débese á predisposición xenética dos afectados/as.

O estudo CanCORS, presentado no congreso da Sociedade Respiratoria Europea, celebrado a semana pasada en Barcelona, demostra a clara vinculación entre o tabaco e o cancro de pulmón. Concretamente, conclúe que, entre un total de 3.885 pacientes con este tipo de cancro, o 92% é ou era fumador/a, mentres que tan só un 8% non o era.

Neste sentido, o Dr. Laureano Molins, xefe de Cirurxía Torácica do Hospital Clínic de Barcelona, destacou que un fumador/a chega a multiplicar por 20 as posibilidades de desenvolver cancro de pulmón no futuro, en comparación cun non fumador/a.

O estudo mostra tamén que en tan só un 8% dos pacientes analizados con cancro de pulmón, a orixe da súa enfermidade non procedía do tabaco, senón dunha predisposición xenética a desenvolver esta patoloxía.

Esta predisposición xenética, segundo expón CanCORS, podería deberse a diversos factores. Entre a mostra estudada, os resultados concluíron que a maioría dos casos de cancro de pulmón en non fumadores deuse en mulleres de orixe asiática ou suramericano, con menor comorbilidade (padecemento doutras enfermidades) e un maior nivel educativo.

Outra das conclusións que se derivan do estudo é a gran probabilidade de previr a aparición deste tipo de cancro, que sería practicamente evitable e de escasa prevalencia se se reducise e mesmo eliminase o hábito tabáquico entre a poboación. De feito, se se produce un abandono definitivo do consumo de tabaco, tras 15 anos, o ex fumador/a volvería contar coas mesmas condicións físicas que un non fumador/a.

Os/as especialistas sinalaron tamén que dos 20.000 novos casos de cancro de pulmón que se dan cada ano en España, a gran maioría, concretamente un 85% dos pacientes, non logra superalo. Un dos principais motivos é que tres de cada catro casos son diagnosticados demasiado tarde para intervir cirúrxicamente e extraer o tumor, de modo que deben ser tratados/as con quimioterapia e radioterapia.

En España, calcúlase que un terzo da poboación é fumadora, e que o 50% desenvolveu ou desenvolverá unha enfermidade respiratoria ou cardiovascular. “A relación entre fumar e o risco de padecer estas enfermidades é como tirar unha moeda ao aire. Pero como as posibilidades non son dun 100%, a xente segue xogando a esta lotaría”, comentou o Dr. Laureano Molins.

Un de cada doce homes españois (8,3%) falece por mor de cancro de pulmón na actualidade. No caso das mulleres, os índices baixan até o 1,3% no noso país.

 

FONTE: AS DROGAS INFO