O crecente consumo de cannabis por menores aumenta as patoloxías mentais

As drogas afectan ó cerebro

28/10/2009

O consumo de estupefacientes aumentou case nun 50% nos últimos 15 anos.

O aumento case nun 50% nos últimos 15 anos do consumo de cannabis por mozos/as españois menores de 18 anos incrementou as demandas de atención sanitaria por problemas mentais derivados do seu consumo, e pode ser o desencadeamento de patoloxías como a esquizofrenia.

O psiquiatra da Unidade Infanto-xuvenil do Hospital Donostia de San Sebastián Javier Palomo advertiu do perigo da aparición de patoloxías mentais en adolescentes e mozos/as polo consumo habitual de cannabis, aínda que tamén de éxtase e «speed», que en moitos casos poden ter consecuencias «tráxicas» para a saúde destes consumidores.

Segundo un informe do Plan Nacional sobre Drogas de 2008, a idade de inicio do consumo de haxix e marihuana situouse nos 14,6 anos, e un 30,5% dos adolescentes entre os 14 e os 18 anos consumíraa, sobre todo, os mozos.

Pese ó dano mental que pode producir o consumo de cannabis, os adolescentes españois cren que esta droga ten menos riscos que outras sustancias ilegais ou legais como o tabaco ou o alcohol. Con todo, o haxix provoca sobre todo alteracións cognitivas, fundamentalmente perda de memoria, segundo o doutor Palomo, quen alerta de que esta é unha droga «incorrectamente infravalorada» por moitos mozos/as, quen non son conscientes do risco que esta sustancia supón para a súa saúde porque o seu consumo se «banaliza».

O consumo de estupefacientes, en xeral, pode producir cadros sintomáticos consistentes na alteración dos afectos, as percepcións e os pensamentos durante un tempo limitado, no que se coñece como «trastornos mentais inducidos por drogas». Isto, xunto a factores ambientais e xenéticos entre outros, poden contribuír á aparición de trastornos como a esquizofrenia, que se demostrou que, mesmo tendo unha predisposición xenética, quizais non se manifesta de non consumir drogas. Ademais, cadros de ansiedade, brotes psicóticos ou afectivos e alteracións sensoperceptivas (alucinacións) e cognitivas, son outras das consecuencias que poden deixar un «selo duradeiro» nos afectados/as.

Os efectos que teñen tanto os trastornos mentais limitados no tempo como enfermidades máis graves poden ser «devastadores» para os/as adolescentes, aínda que Javier Palomo precisa que a idade de maior consumo de drogas dáse entre os 18 e 20 anos. Enfermidades como a esquizofrenia poden condicionar para sempre non só ó mozo/a consumidor/a, senón tamén á súa familia, e repercuten no sistema sanitario polo custo económico que supón o seu tratamento, segundo este psiquiatra.

Fonte: La voz de Galicia