O consumo habitual de alcohol pode acelerar a perda de memoria

Mesa con vaso de viño

29/01/2014

Os homes adultos que consumen cantidades de alcohol superiores a tres copas de viño ao día (ou dúas latas e media de cervexa) corren o risco de acelerar as perdas de memoria que sufrirán a idades máis avanzadas, segundo unha investigación do University College de Londres.

Os resultados, presentados na revista Neurology, indican que o consumo excesivo de alcohol adianta as perdas de memoria unha media nuns seis anos. Pola contra, os/as autores/as da investigación non detectaron diferenzas de memoria nin de funcións executivas (como a capacidade de concentración e razoamento) entre os homes que beben con moderación e as que non adoitan beber.

"A maior parte das investigacións sobre a relación entre consumo de alcohol por un lado e a memoria e as funcións executivas por outro baseáronse en persoas de idades avanzadas", declarou nun comunicado de prensa Severine Sabia, coautora do traballo. "O noso estudo centrouse en persoas de mediana idade e suxire que o consumo excesivo de alcohol asociase a un declive máis rápido de todas as áreas das funcións cognitivas" "nos homes".

No estudo participaron 7.153 persoas que contestaron a tres enquisas sobre os seus hábitos de bebida ao longo de dez anos. Cando os participantes tiñan unha media de 56 anos, avaliouse por primeira vez a súa memoria e as súas funcións executivas. Os tests de rendemento cognitivo repetíronse outras dúas veces nos dez anos seguintes. Os resultados mostran que en homes que tomaban ata 20 gramos de alcohol ao día -cantidade algo superior a unha lata de cervexa e algo inferior a dúas copas de viño- as funcións cognitivas se conservan tan ben como en homes abstemios ou en bebedores esporádicos.

Non obstante, constátase que cando se beben máis de 36 gramos de alcohol diarios (tres copas de viño) o declive cognitivo chega a idades máis temperás. O estudo súmase a unha longa lista de investigacións que demostran que un consumo habitual e elevado de alcohol é prexudicial para a saúde en persoas sas. Os órganos que poden resultar danados polo exceso de alcohol inclúen o fígado (que pode evolucionar cara ao trastorno do fígado graxo), o corazón (xa que o exceso de alcohol eleva a tensión arterial e o nivel de triglicéridos no sangue) ou o páncreas (que pode desenvolver unha pancreatite). Así mesmo, un consumo elevado de alcohol aumenta o risco de cancro de polo menos seis órganos (mama, fígado, boca, farinxe, larinxe e esófago).

No sistema nervioso, estudos con resonancia magnética mostraron que o tamaño do cerebro se reduce cando se consumen cantidades elevadas de alcohol de xeito habitual. E que tamén se reduce a formación de novas células, especialmente no hipocampo, que é unha rexión clave na memoria.

Fonte: RIOD (Rede Iberoamericana de ONGS que traballan en drogodependencias)