O consumo de cocaína incrementa o risco ictus

Cocaína en po

18/02/2014

O ictus xa non é unha enfermidade exclusiva da terceira idade. A cara do infarto cerebral ten cada vez menos anos, debido sobre todo aos malos hábitos alimentarios e a falta de exercicio que caracterizan á sociedade do século XXI. Non obstante, a dieta e o sedentarismo non son os únicos culpables deste cambio. Outros factores, como o consumo de drogas, tamén están a achegar o seu particular gran de area ao “rexuvenecemento” do ictus.

Unha investigación presentada no Congreso Internacional de Ictus que se celebra estes días en Dallas (EUA) confirma con datos claros o que moitos/as especialistas vasculares levan anos advertindo: que a cocaína incrementa significativamente o risco de padecer un infarto cerebral. Concretamente, este traballo sinala que o consumo desta droga aumenta as posibilidades de padecer un ictus de tipo isquémico; o que se produce cando algún dos vasos que regan o cerebro se bloquea impedindo un axeitado fluxo sanguíneo. O risco, subliña a investigación, é especialmente alto nas 24 horas seguintes ao consumo da substancia.

Os autores/as do traballo, investigadores/as da Universidade de Maryland, chegaron a estas conclusións despois de realizar un seguimento a 1.101 persoas de 15 a 49 anos que padeceran un ictus entre 1991 e 2008 e comparar o seu caso con individuos da mesma idade que non sufriran o problema vascular. Segundo os seus datos, un cuarto de toda a mostra estudada recoñeceu ter consumido cocaína algunha vez na súa vida.

O estudo completo demostrou que entre os usuarios/as de cocaína, as probabilidades de padecer un ictus de tipo isquémico se elevaban ata sete veces nas horas posteriores ao consumo. "Esta relación é algo que xa coñeciamos os médicos/as pero que segue sendo unha gran descoñecida para os consumidores/as", apunta Jaime Gállego, coordinador do Grupo de Estudo de Enfermidades Cerebrovasculares da Sociedade Española de Neuroloxía. "Os datos demostran que a cocaína non só é aditiva, senón que pode causar unha gran minusvalía e mesmo levar á morte", subliña o especialista, quen recorda que non só o ictus de tipo isquémico se asocia coa cocaína. "Outros estudos tamén sinalaron a súa relación con infartos cerebrais hemorráxicos e outros problemas vasculares".

A clave desta unión, aclara, ten que ver moito cos efectos estimulantes da substancia e implica distintos mecanismos. Por un lado, a cocaína potencia o papel de certos neurotransmisores que "condicionan unha resposta brutal na circulación". Tamén provoca un aumento da tensión arterial (fenómeno coñecido como vasoespasmo: no que os vasos sanguíneos se estreitan tremendamente) e pode provocar alteracións na coagulación que favorecen a aparición de trombos. Ademais, esta droga xera taquicardias e un aumento do consumo de osíxeno, polo que o corazón é outro dos grandes damnificados polo seu consumo. Tal e como apunta Miguel Ángel García Fernández, secretario da Sociedade Española de Cardioloxía, o consumo de cocaína incrementa sete veces o risco de infarto en menores de 40 anos, un dato que hai que ter moi en conta nas consultas.

"Sabemos que no 5% dos casos de mozos/as que chegan a urxencias cunha dor torácica, está detrás a cocaína. E probablemente a cifra sexa maior, porque moitos/as pacientes ocultan o dato", sinala. "Cando chega un paciente novo/a con síntomas de problema vascular, non sempre se pensa na cocaína, pero é algo que temos que ter en mente sempre", conclúe Gállego.

Fonte: El Mundo Salud