O 80% dos novos casos de SIDA en España son por vía sexual

Condón

15/05/2011

A análise de 6.008 novos/as pacientes diagnosticados de SIDA en España desde xaneiro do 2004 confirma que a principal vía de transmisión é cada vez máis a sexual, en máis do 81% dos casos (no 46,1% por relacións homosexuais, e no 35,2%, heterosexuais), e diminúen os usuarios/as de drogas que comparten xiringas, que eran maioría cando comezou este problema de saúde e agora representan menos do 15%.

Esta é unha das principais conclusións da Rede de Investigación en SIDA de España, coordinada polo centro Carlos III de Madrid, segundo datos presentados polo servizo de enfermidades infecciosas do Clínico de Santiago, o único galego incluído entre os 31 centros de 14 comunidades que pertencen a ela. Ademais, crecen os/as pacientes estranxeiros/as, que supoñen o 15% no hospital compostelán e unha cifra superior noutros con maior presenza de poboación inmigrante.

Os homes predominan e son case o 79% dos novos casos; e obsérvase así mesmo unha maior idade media, e máis do 30% superan os 40 anos.

Situación avanzada

O especialista compostelán Antonio Antela resalta a efectividade dos novos tratamentos, que conseguen manter ás persoas afectadas sen carga viral, e reduciron de forma importante os falecementos.

Pero un dato que preocupa é a situación avanzada na que acoden os/as pacientes que chegan por vez primeira a consulta. En Santiago ocorreu no 26,9% dos primeiros 78 novos casos incluídos nesa rede estatal, que xa desenvolveran SIDA. Iso evidencia que moitas persoas baixan a garda e, ademais de non tomar medidas preventivas, non fan a proba de SIDA despois de manter prácticas de risco, o que facilitaría diagnosticalas antes, e unha mellor estratexia para seguilas e tratalas, agrega Antela. A rede española investiga así mesmo as características da infección en España. Entre o 2003 e o 2010 difundiu 235 traballos científicos, 224 deles en publicacións internacionais.

Os expertos din que é posible unha resposta inmune que protexa da infección

A Sociedade Española Interdisciplinar da SIDA (Seisida) conmemora hoxe o Día Mundial da Vacina da SIDA e insiste en que os últimos avances demostran que “é posible conseguir unha resposta inmune que protexa da infección e non só da enfermidade”. Conclúe que hai motivos para ter “maior optimismo” sobre a posibilidade de conseguir esa vacina, aínda que “fuxindo de pór unha data para a súa consecución”. Esa é unha preocupación desde que se identificou o virus de inmunodeficiencia humana (VIH), en 1984. A Secretaría de Estado de Sanidade de Estados implicouse no asunto e anunciou que podería conseguirse nun prazo de dous anos, pero o proxecto non prosperou.

Estratexia diferente

Conseguir a vacina preventiva fronte ao VIH é “un reto científico do máximo nivel” polas características da infección, indica Seisida. Resalta que “a alta capacidade de mutación do virus fai que estea constantemente modificando a súa estrutura antixénica e dificultando as respostas creadas con anterioridade”. A comunidade científica valora que a vacina deberá previr a infección e non permitir unha infección crónica; mentres outras vacinas empregadas en humanos non impiden a infección, pero si a enfermidade, o que supón traballar nunha estratexia diferente.

En España tamén se investiga en vacinas para a SIDA, que é unha das liñas de traballo da rede estatal de investigación nesta enfermidade.

 

FONTE: A Voz de Galicia