Nova lei antitabaco

Cartel informativo

05/01/2011

O 2 de xaneiro entrou en vigor a nova lei do tabaco que prohibe fumar en todos os espazos públicos pechados e nalgúns ao aire libre, como parques e lugares de lecer infantil, colexios e recintos hospitalarios.

A norma, impulsada pola anterior ministra, Trinidad Ximénez, e aprobada en setembro no Congreso dos Deputados na súa versión máis restritiva, dá prioridade á prevención do tabaquismo en menores, atrasando a idade de inicio do consumo, e á protección dos fumadores/as pasivos/as, sobre todo aos traballadores/as da hostalaría.

Así mesmo, a nova lei fixa que as administracións públicas deberán "promover" programas para a deshabituación tabáquica -sobre todo en atención primaria- e "potenciar" o acceso a tratamentos e crear unidades de deshabituación tabáquica.

A actual ministra de Sanidade, Política Social e Igualade, afirmou que coa súa aprobación fíxose "historia", xa que se trata dunha lei "tremendamente importante e necesaria para a sociedade", que conseguiu "priorizar a saúde pública" e que suporá "un paso decisivo na defensa da saúde dos/as españois".

As novas regras

A nova norma define espazo público como "todo lugar accesible ao público ou de uso colectivo, con independencia da súa titularidade pública ou privada", os transportes públicos ou colectivos e terrazas con "un máximo de dúas paredes". Como excepción, poderase fumar nas habitacións que os donos de hoteis decidan habilitar para iso, cun máximo do 30% do local. Tamén se permitirá fumar en espazos ao aire libre de universidades e centros "exclusivamente dedicados á formación de adultos, sempre que non sexan accesos inmediatos aos edificios ou beirarrúas circundantes".

Ademais, poderán fumar os presos/as, pacientes de psiquiátricos de media e longa estancia e internos de residencias de maiores ou discapacitados/as en zonas exteriores ou en salas pechadas habilitadas, sinalizadas e con ventilación independente.

Poderán fumar tamén os socios dos clubs privados de fumadores, que para ser considerados como tal deberán ser "entidades con personalidade xurídica, carecer de ánimo de lucro e non incluír entre as súas actividades ou obxecto social a comercialización ou compra-venda". Tampouco poderán permitir a entrada de menores.

Avaliación do impacto

Así mesmo, a norma convida as administracións públicas a concienciar contra o tabaco nas escolas e actuar en atención pediátrica con programas de información específica para pais/nais fumadores/as e campañas sobre os prexuízos do fume en nenos/as.

A lei prohibe aos medios de comunicación, incluído Internet, emitir imaxes de presentadores, colaboradores ou convidados fumando e "mencionar ou mostrar, directa ou indirectamente, marcas, nomes comerciais, logotipos ou outros signos asociados a produtos do tabaco". Respectaranse as imaxes de fumadores/as das películas. Ademais, fixa que o Goberno determinará, cun Real Decreto, "os contidos e compoñentes dos produtos do tabaco, en especial os elementos aditivos e as condicións de etiquetaxe".

O Ministerio de Sanidade terá que remitir ás Cortes Xerais cada dous anos un informe de avaliación do impacto desa reforma sobre a saúde pública. A obrigación estenderase durante o catro anos seguintes á entrada en vigor da norma.

 

FONTE: AS DROGAS INFO