Menores e Internet: recomendacións

Mans escribindo no teclado dun ordenador

08/09/2014

Os pais/nais poden ser moi protectores cos seus fillos/as cada vez que pon un pé fóra de casa pero aínda non son conscientes de que ás veces o risco está dentro do fogar. Ao redor de 27.000 adolescentes confesan contactar con estraños/as por internet, máis de 9.000 recoñecen que chegaron a citarse en persoa con descoñecidos/as e uns 3.400 foron chantaxeados/as con difundir fotos eróticas súas, segundo o recente estudo “Mocidade on line” da Universidade de Santiago de Compostela e dirixido por Antonio Rial Boubeta, profesor de Ciencias do Comportamento.

Os expertos/as reclaman programas de prevención e fomento do bo uso das tecnoloxías nos colexios, así como formar a profesores/as e orientadores/as, pero ante todo recalcan que a principal responsabilidade é da familia. "Aos menores ou os educan os pais/nais ou os educa a rede", sinala o profesor Antonio Rial Boubeta, autor do estudo. E que se recolle no libro “Adolescentes e novas tecnoloxías. Unha responsabilidade compartida”, no que colaboran ademais expertos/as de diversas áreas: psicoloxía, educación, pediatría, psiquiatría, xurisprudencia e ciencias da comunicación.

As recomendacións son as seguintes:

  • Os pais/nais deben dar exemplo: aconsellase aos pais/nais usar o smartphone só cando sexa necesario para dar un bo exemplo.
  • Nada de “smartphones, polo menos, até os 14 anos. Canto máis se dilate a idade de acceso ás novas tecnoloxías mellor, en opinión dos expertos/as.
  • Delimitar o acceso a internet: o computador para consultar internet debe estar situado nun lugar común da casa. Non debe permitirse que o rapaz/a se pase máis de dúas horas diante dun equipo informático. Tamén se debe evitar que o/a menor leve o smartphone de noite á habitación.
  • Controlar os contidos aos que acceden os/as menores: hai que supervisar as páxinas web ás que acceden. Existen softwares que serven para controlar o acceso dos menores a determinadas páxinas web. Ademais de coñecer as contas e as contrasinais que empregan.
  • Informar e sensibilizar aos pais/nais: a idea é que as familias coñezan ben as novas tecnoloxías e os riscos que entrañan para os seus fillos/as, para poder xerar un clima de confianza para abordar estes temas e informalos dos riscos.
  • Programas de prevención e bo uso das tecnoloxías: onde se facilite ó profesorado e alumnado algunhas indicacións útiles relativas ó uso axeitado das novas tecnoloxías e os principais riscos das redes sociais e se expliquen os indicadores que alertan do paso dunha afección a un uso problemático e/ou adicción.
  • Formar profesionais: os expertos/as cren que profesores/as e orientadores/as non están adecuadamente formados para dar resposta aos problemas que suscitan as novas tecnoloxías entre os/as menores.
  • Restrinxir o uso de móbiles nos colexios: os expertos/as coinciden en que xa existen protocolos establecidos para regular o uso de móbiles nos colexios e advirten que se se cumpren son suficientes. Cada centro ten autonomía para establecer a súa propia regulación respecto diso.
  • Estudos sobre o impacto das novas tecnoloxías: para saber que medidas hai que tomar e onde hai que actuar o primeiro é realizar estudos rigorosos sobre a incidencia do uso das novas tecnoloxías entre os/as adolescentes.
  • Máis seguridade cibernética: é necesario mellorar a seguridade por parte destas aplicacións con mensaxes protexendo a información que intercambian os usuarios/as.

Fonte: La opinión Coruña