Só 6% da poboación mundial está protexida contra o tabaco

Cigarros

14/12/2009

A OMS publica o informe “Epidemia Mundial do Tabaco 2009”, onde advirte que cada ano é a causa directa da morte de 5 millóns de persoas. Polo menos o 94% da poboación mundial non está protexida por leis contra o tabaco, segundo o informe “Epidemia Mundial do Tabaco 2009” publicado pola Organización Mundial da Saúde.

Esta situación deixa á práctica totalidade dos/as habitantes do planeta expostos “á principal causa de morte evitable”, xa que o tabaco causa o falecemento directo de máis de 5 millóns de persoas ó ano; dunhas 600.000 persoas por tabaquismo pasivo cada ano; causa múltiples enfermidades, e xera perdas de decenas de miles de millóns de dólares.

“O feito de que máis de 94% da poboación continúe sen protección por parte de leis antitabaco integrais demostra que aínda queda moito traballo por facer”, sinala Ala Alwan, experto da OMS en enfermidades non contaxiosas. Con todo, o informe determinou que se realizaron algúns progresos: xa que uns 154 millóns de persoas -o 2,3% da poboación mundial-, foron cubertos por leis antitabaco no 2008.

O ano pasado sete países (Colombia, Xibutí, Guatemala, Mauricio, Panamá, Turquía e Zambia) aprobaron leis antitabaco integrais en 2008, elevando o número a 17. Ademais, nas últimas catro décadas, as taxas de fumadores/as descenderon en países ricos como Estados Unidos, Xapón e Europa occidental, aínda que están a aumentar no mundo en desenvolvemento.

Dentro do informe a OMS sostén que as políticas libres de fume son fundamentais para reducir o dano causado polo tabaquismo pasivo, e as mortes prematuras, que aumentarán “se os Gobernos non actúan rapidamente, e non adopten accións urxentes para controlar a epidemia do tabaco, a cifra de falecidos/as anualmente podería ascender a oito millóns para 2030”, sinala o informe. “Máis do 80% das mortes prematuras produciranse en países de renda media e baixa. Noutras palabras, precisamente onde é máis difícil de evitar e soportar tales perdas”, agrega.

Por outra banda, a OMS insta os gobernos que apliquen a súa convención sobre o control do tabaco, asinada por 170 nacións, a cal insta os países a adoptar medidas para evitar o tabaquismo e protexer á poboación do fume do tabaco. Así mesmo, avoga por ofrecer axudas para deixar de fumar, reforzar as prohibicións sobre a publicidade do tabaco e elevar os impostos.

 

FONTE: AS DROGAS INFO