Día Mundial sen Tabaco

Cartel da campaña

30/05/2011

O 31 de maio de cada ano a OMS celebra o Día Mundial sen Tabaco, cuxo obxectivo consiste en sinalar os riscos que supón o consumo de tabaco para a saúde e fomentar políticas eficaces de redución do devandito consumo. O consumo de tabaco é a segunda causa mundial de morte, tras a hipertensión, e é responsable da morte dun de cada dez adultos.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) elixiu o "Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco" como tema do próximo Día Mundial Sen Tabaco, que se celebrará o martes 31 de maio de 2011.

A Asemblea Mundial da Saúde instituíu o Día Mundial sen Tabaco en 1987 para chamar a atención mundial cara á epidemia de tabaquismo e os seus efectos letais. A celebración deste día é unha oportunidade para destacar mensaxes concretas relacionados co control do tabaco e fomentar a observancia do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco. O consumo de tabaco é a principal epidemia evitable á que se enfronta a comunidade sanitaria.

O Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco

O Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco (CMCT da OMS) é o principal instrumento de control do tabaco a nivel mundial. Ademais, é o primeiro tratado que se negociou baixo os auspicios da OMS e como tal representa un logro fundamental no progreso da saúde pública. Aínda que está en vigor só desde 2005, o Convenio, que conta con máis de 170 Estados Partes, xa se converteu nun dos tratados máis rápida e amplamente adoptados na historia das Nacións Unidas. Baseado en datos fidedignos, o CMCT da OMS reafirma o dereito de todo ser humano ao goce do grao máximo de saúde e confire unha nova dimensión xurídica á cooperación na esfera do control do tabaco.

Actualmente o mundo necesita o CMCT da OMS tanto ou máis que en 1996, cando a Asemblea Mundial da Saúde adoptou unha resolución na que se pedía un convenio marco internacional para o control do tabaco. O tabaquismo é a principal causa prevenible de mortalidade no mundo. Este ano máis de 5 millóns de persoas morrerán por ataque cardíaco, accidentes cerebrovasculares, cancro, doenzas pulmonares ou outras enfermidades relacionadas co tabaco. Nese número non están incluídas as máis de 600.000 persoas das que máis dunha cuarta parte serán nenos - que morrerán por estar expostos ao fume de tabaco alleo. O número de mortes que se cobra cada ano a epidemia global de tabaquismo podería alcanzar os 8 millóns en 2030. Despois de matar a 100 millóns de per soas no século XX, o tabaquismo podería acabar con 1000 millóns de vidas durante o século XXI.

Como calquera outro tratado, o CMCT da OMS entraña obrigacións xurídicas para os seus Estados Partes, é dicir, os países (e a Unión Europea) que se adheriron oficialmente a el.

Entre esas obrigacións destacan as seguintes:

  • Protexer as políticas de saúde pública de intereses comerciais e outros intereses creados da industria tabacalera.
  • Adoptar medidas relacionadas cos prezos e impostos para reducir a demanda de tabaco.
  • Protexer ás persoas contra a exposición ao fume de tabaco.
  • Reglamentar o contido dos produtos de tabaco.
  • Reglamentar a divulgación de información sobre os produtos de tabaco.
  • Regular o empaquetado e etiquetaxe de produtos de tabaco.
  • Advertir á poboación dos perigos do tabaco.
  • Prohibir a publicidade, a promoción e o patrocinio do tabaco.
  • Ofrecer axuda para abandonar a adicción ao tabaco.
  • Loitar contra o comercio ilícito de produtos de tabaco.
  • Prohibir a venda a menores e por menores.
  • Apoiar actividades alternativas economicamente viables ao cultivo de tabaco.

O tratado tamén recoñece a importancia da cooperación internacional e de prestar axuda aos países de ingresos baixos e medianos para que cumpran as obrigacións dimanantes do tratado.

A campaña centrarase na seguinte mensaxe crave: os países deben aplicar plenamente o tratado para protexer ás xeracións presentes e futuras das devastadoras consecuencias sanitarias, sociais, ambientais e económicas do consumo de tabaco e da exposición ao fume de tabaco.

 

FONTE: ORGANIZACIÓN MUNDIAL DA SAÚDE