Día Mundial Sen Tabaco 2014

Cartel da campaña

28/05/2014

Cada ano, o 31 de maio, a OMS e asociados de todo o mundo celebran o Día Mundial Sen Tabaco, dedicado a resaltar os riscos para a saúde asociados ao consumo de tabaco e promover políticas eficaces para reducir ese consumo. O consumo de tabaco é a principal causa evitable de defunción no mundo, e actualmente mata a un de cada 10 adultos en todo o mundo.

Para o Día Mundial Sen Tabaco 2014 fan un chamamento aos países para que aumenten os impostos ao tabaco, baixo o lema “Máis impostos sobre o tabaco, menos mortes e enfermidades”.

Dende a Asociación Renacer temos previsto levar a cabo unha serie de actividades de sensibilización e información co alumnado dos centros de ensino e coa poboación en xeral.

Para este fin deseñouse unha campaña de sensibilización con diverso material informativo (carteis e marcapáxinas) que será distribuído en todos os centros de ensino do noso concello.

Ademais, o venres 30 de maio nos centros de ensinanza secundaria instalarase unha mesa informativa con diverso material de sensibilización e informativo e farase intercambio de cigarros por caramelos, ofertando alternativas e recursos para deixar de fumar.

Previamente a estas actividades nos centros de secundaria estivéronse desenvolvendo obradoiros cos rapaces/as para conciencialos/as da risco que conleva o tabaco para a saúde dos fumadores/as e das persoas expostas ó fume dos cigarros.

En canto as actividades destinadas á poboación xeral, instalarase na rúa peonil outra mesa informativa, en horario de 11 a 13 horas co fin de concienciar á poboación da importancia de desenvolver hábitos saudables.

Na mesma, ademais da labor informativa proporcionarase asesoramento e sobre recursos existentes para deixar de fumar e as persoas fumadoras que o desexen poderán facerse unha cooximetría, realizada por persoal sanitario, de cara a coñecer a cantidade de monóxido de carbono no aire que expiran e, polo tanto o risco de desenvolver unha enfermidade cardiovascular.