Día Mundial da <abbr title="Síndrome de Inmunodeficiencia Humana">SIDA</abbr>

Cartel informativo

28/11/2014

Cada 1 de decembro, Día Mundial de Loita Contra a SIDA, persoas de todo o mundo suman esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia.

Este evento brinda a todos os/as copartícipes, tanto públicos como privados, unha das máis oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados/as nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo.

A Asociación Renacer levará a cabo unha serie de actos informativos nos vindeiros días. Estes actos están dirixidos á poboación en xeral e a mocidade en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a SIDA e a de involucrarse na súa detección precoz.

O vindeiro luns 1 de decembro instaláranse diversas mesas informativas na rúa peonil (en colaboración ca Cruz Vermella) e nos tres institutos de ensinanza secundaria nas que se repartirán lazos vermellos, material informativo e preservativos, en horario de mañá. Ademais no IES Nº 1 para achegar tamén a información ás persoas que acoden á ensinanza de adultos impartirase unha charla sobre sexualidade e SIDA en horario de tarde, trala que se colocará outra mesa informativa.

Estas actividades englóbanse no programa de prevención do VIH-SIDA e outras ITS da Asociación Renacer e complementan a labor que se está a levar a cabo cos mozos e mozas nos centros de ensino secundario a través de diversos obradoiros de Educación Afectivo-Sexual e Sexo Seguro.

Segundo datos de ONUSIDA en 2013, 35 millóns [33,2 millones–37,2 millóns] de persoas vivían co VIH. Dende o comezo da epidemia, aproximadamente 78 millóns [71 millones–87 millóns] de persoas contraeron a infección polo VIH e 39 millóns [35 millones–43 millóns] de persoas faleceron a causa de enfermidades relacionadas co VIH.

Non debemos baixar a garda, aínda que falemos de números non debemos esquecer que estamos a falar de persoas.