Análise da mocidade de Riveira: actitudes, intencións e consumo de drogas

Cartel informativo

06/06/2013

Dende Asociación Renacer pretendemos, con esta análise, obter información para deseñar e avaliar os programas dirixidos a previr o consumo e os problemas derivados do mesmo, sobre todo dende o ámbito educativo. Esta información complementa outras existentes de ámbito nacional e permite un deseño e avaliación máis específica das intervencións que realizamos na nosa comunidade.

O estudo realizouse nos centros de ensino do Concello de Ribeira que imparten educación secundaria nos cursos onde se levan a cabo os programas de prevención de drogodependencias (alumnado de 2º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e Ciclos Medios). O período de recollida de información foi o ano 2012.

Os datos atopados seguen unha mesma tendencia en relación a actitudes, intencións de consumo e consumo manifestado nas diferentes sustancias. Xa que as sustancias nas que o alumnado presenta actitudes “positivas” (drogas legais) e manifesta intencións de consumilas no vindeiro ano son as que presentan unhas porcentaxes de consumo maiores.

A sustancia máis consumida nos tres grupos de idade é o alcohol, seguida do tabaco e do cannabis. Noutras sustancias como a cocaína, drogas de síntese e anfetaminas ó consumo manifestado é moi baixo. Esta tendencia aparece nos tres tramos de idade onde aparece unha progresión tanto nas intencións futuras de consumo coma no consumo manifestado das distintas sustancias.

Alcohol

É a sustancia con maiores porcentaxes de consumo, que aumenta conforme avanza a idade. O tipo de bebida máis consumida son as destiladas (“copas/chupitos”) e o consumo concentrase no fin de semana (venres e sábado).

Outro dato a destacar é que do alumnado que manifestou consumir algunha vez alcohol, máis da metade emborrachouse nalgunha ocasión, porcentaxe que aumenta tamén ca idade.

Tabaco

É a segunda sustancia máis consumida o que concorda cas actitudes que manifestan e cas intencións de consumo, nas que se atopa tamén unha progresión en relación á idade e consumo.

Cannabis

É a droga ilegal máis consumida con bastante diferenza respecto ás demais. A tendencia de consumo é igual que nas drogas legais, pero cunhas porcentaxes de consumo menores .

Outras

Noutras sustancias ilegais non se indican intencións de consumo significativas e o que concorda co consumo manifestado nas distintas sustancias. A sustancia máis consumida é a cocaína.

O consumo de anfetaminas e de drogas de síntese é similar algunha vez na vida, aínda que as primeiras presentan unha prevalencia media algo superior.

Conclusións

Destacar o consumo case xeneralizado do alcohol entre a mocidade o que concorda con outros estudos realizados nestes últimos anos que indican que o patrón de consumo de alcol en mozos/as cambiou.

Á accesibilidade da mocidade á hora de conseguir estas sustancias incrementouse nos últimos anos e o consumo cada vez está mais normalizado, sobre todo en relación ó alcohol, aínda que os mitos asociados ó consumo das sustancias están a diminuír.

Un dos principais factores que está a influír no consumo abusivo de alcohol na mocidade é que non cren que realmente sexa un problema pola normalidade e apego na nosa cultura. Isto podería explicar que, a pesares das numerosas campañas, actividades e medidas legais en relación á prevención, non impactaron nin calaron como ocorreu noutras sustancias, coma o tabaco.

Este problema débese abordar dende diferentes campos de intervención (educativo, familiar, social e legal) cun plantexamento a medio e longo prazo que implique un cambio na percepción que ten a sociedade en xeral, non só a mocidade, dos efectos e riscos do consumo de alcohol.

 

Para acceder o estudo: preme aquí.