A que idade debe un menor empezar a usar un <span lang="en">smartphone</span>?

Mozo escoitando música

14/10/2015

É o gran interrogante de moitas familias que senten presionadas e desorientadas ante esta decisión que nun momento ou outro han de tomar. Non existen receitarios que indiquen a que idade exacta para comprar un teléfono móbil aos nosos fillos/as. A pedagoxía non é unha ciencia matemática. Si existen estudos que poden orientar de ao redor de que idade é o máis apropiado, pero en calquera caso depende de moitas circunstancias: a madurez do/a menor, o contexto familiar, o lugar de residencia…

Se se busca en Internet acerca deste tema, as idades que nos indican van en xeral dos 10 aos 13 anos. Pero o certo é que as recomendacións van por unha banda e a realidade por outro. É difícil lidar cun preadolescente que pide día si e día tamén un teléfono móbil “igual que os seus amigos/as”.

Dende Menores en Rede fan as seguintes reflexións e recomendacións:

Hai que partir dun feito: o smartphone non é máis que unha ferramenta para acceder a Internet. Igual que hai uns anos era o computador de sobremesa e despois o computador portátil, agora o acceso realízase a través dos teléfonos intelixentes que, ademais, tamén serven para realizar chamadas telefónicas. E Internet é agora xa algo imprescindible, por moito que algúns pais e nais se neguen a recoñecelo. O autoexcluirse non vai axudar a mellorar a educación dixital dos fillos/as; non vale a política da avestruz.

Canto antes se inicie no uso de Internet, mellor lle pode ir aos menores. O que un neno/a de 5 anos saiba usar unha tableta non é necesariamente malo como moito o queren facer ver. O que ocorre é que os/as menores tenderán a usar a Rede para o que lles convén, é dicir, fundamentalmente para as relacións sociais e para o entretemento. Corresponde aos adultos o incentivalos/as para que aprendan a usar estas ferramentas de forma máis proveitosa e segura.

Volvamos entón á pregunta inicial: a que idade debe un menor empezar a usar un smartphone?. Dende Menores ne Rede recomendan que canto antes , pero con matizacións.

Usar un smartphone non quere dicir posuír un smartphone. Un neno ou nena de 7 anos pode usar un teléfono intelixente en momentos puntuais, pero non dispor dese teléfono permanentemente. A palabra adecuada quizais sexa que se lles debe “prestar” un smartphone. Isto implica, ademais, o ensinarllo a usar, o guialo/a no uso das aplicacións, crear un clima de confianza na familia para que non necesite ocultar nada do que fai con ese terminal, o facelo/a responsable do seu consumo, facelo/ae ver en que momentos se pode usar e en que momentos non e por canto tempo.

Cando pasan da escola ao instituto, da primaria á secundaria (ao redor dos 12 anos) pode ser o momento ideal para que teñan xa en propiedade un smartphone, se deron mostras anteriormente, con ese terminal “prestado”, dun uso correcto e equilibrado. É nesa idade cando xa necesita formar grupo cos seus compañeiros/as, que se comunican xa a través de aplicacións (agora maioritariamente WhatsApp, pero no futuro pode ser outra). O teléfono intelixente, que até entón tiña fundamentalmente unha función lúdica, pasa a xogar agora unha función social. E se seguiu un proceso educativo correcto nos anos anteriores, deberiamos ter xa a confianza necesaria para saber que vai facer un bo uso do teléfono. O que non implica, está claro, que se descoide o seu control “non intrusivo”.

É antes da pre adolescencia cando os/as menores son máis permeables ás aprendizaxes recibidas en casa, e por iso é importantísimo aproveitar esta etapa para educar ao neno ou nena na maneira de usar Internet, non só o smartphone, que a final de contas é un máis (o máis importante, si, pero non o único) dos instrumentos de acceso á Rede.

É antes dos 12 anos cando se debe facelos/as comprender (todo o contrario a impor) a importancia da propia imaxe, os riscos dos contactos descoñecidos/as que poden atopar en Internet, as vulnerabilidades do teléfono móbil e as súas consecuencias, o custo de uso dos seus servizos. Tentar facer todo isto a partir dos 12 anos é bastante máis difícil, porque a influencia dos seus compañeiros/as e amigos/as, o seu grupo, pesará máis que a opinión de pais e nais.

Polo que, na infancia, antes da pre adolescencia, poden usar smartphones e tabletas, pero a modo de “préstamo”. No caso dos smartphones, con usos tutelados e usos puntuais. Iso presupón que pais e nais teñen destrezas no seu uso, para poder guiarlles, por suposto.

E a partir dos 12 anos, aínda tendo teléfono propio, se fagan responsables do gasto que ocasionen. Neste caso, as tarifas prepago axudan a un maior autocontrol por parte do/a menor, pero o contrato tamén axuda aos pais e nais a controlar mellor o gasto e os usos que fai (os números a que chama, os minutos de conexión, etc.). Nesas idades tamén hai que seguir mantendo unha supervisión do seu uso, pero dentro dun clima familiar que axude a que eles e elas confíen nos adultos para calquera problema que poida xurdir en torno ao uso da Rede. Nestes casos o control excesivo, a intromisión na intimidade e a prohibición son totalmente contraproducentes.

Evidentemente todo isto supón un esforzo para os pais e nais, pero é que educar é un esforzo, e as tecnoloxías da información e a comunicación non son un hobby ou un xogo, senón que forman parte da educación dos/as menores, e o que se formen adecuadamente é algo imprescindible para a súa vida actual e futura e abriralles moitas máis portas na súa formación e o seu desenvolvemento persoal. E iso é o que desexamos como pais e nais, ou non?.

Fonte: Menores en Rede