A epidemia da SIDA estabilízase a nivel mundial e as infeccións descenden un 20%

Campaña revindicativa na rúa

09/12/2010

O último informe do Programa Conxunto das Nacións Unidas sobre o VIH/SIDA (ONUSIDA), mostra que a epidemia de SIDA está a comezar a estabilizarse, cun descenso significativo das novas infeccións e os falecementos relacionados co VIH a nivel mundial.

En concreto, os datos do Informe de ONUSIDA sobre a epidemia mundial de SIDA 2010 mostran que, en 2009, uns 2,6 millóns de persoas infectáronse por primeira vez co VIH, unha cifra case un 20% inferior aos 3,1 millóns de 1999. Así mesmo, estímase que 1,8 millóns de persoas faleceron en 2009 como consecuencia desta enfermidade, preto dun 20% menos que os 2,1 millóns que morreron en 2004.

Estímase que, a finais do ano pasado, 33,3 millóns de persoas vivían con VIH, unha cifra “lixeiramente superior” aos 32,8 millóns de 2008, explican os autores/as deste documento. Isto débese en gran parte a que as persoas viven cada vez máis tempo grazas ao aumento do acceso á terapia antirretroviral, aseguran.

Neste sentido, entre 2001 e 2009, a taxa de novas infeccións estabilizouse ou se reduciu en máis dun 25% en, polo menos, 56 países no mundo, 34 dos cales se atopan no África Subsahariana, a zona máis castigada por esta epidemia a nivel global.

Con todo, os/as especialistas advirten de que, aínda que o número de novas infeccións polo VIH sexa cada vez menor, por cada persoa que inicia o tratamento, dous contraen o virus, debido en gran parte a que os investimentos nos programas de prevención “non foron no seu conxunto adecuadas ou se distribuíron deficientemente”, indican.

Sobre novas infeccións, desde esta organización deron a voz de alarma en sete países, a maioría en Europa oriental e Asia central, onde as taxas de novas infeccións polo VIH aumentaron un 25%.

Aínda así, desde ONUSIDA recoñecen que hai campos da prevención nos que se investiu de forma correcta, como aqueles destinados a evitar que as nais con VIH transmitan a enfermidade aos seus fillos/as.

 

Fonte: Unión Española de Asociacións e E·ntidades de Atención ó Drogodependente