A cocaína chega ao corazón: o seu consumo a longo prazo acaba por afectar á saúde

Cocaína en po

10/07/2014

Dilatación e disfunción contráctil de ventrículo esquerdo e dereito, hipertrofia do ventrículo esquerdo ou focos de fibrose focal. Son os trastornos máis frecuentes que presentan os adictos/as á cocaína que sofren algún tipo de afectación cardíaca. Aínda que non presenten síntomas, segundo un estudo realizado en España e Reino Unido, até o 71% dos cocainómanos/as presentan algún tipo destas patoloxías.

No estudo, publicado no Journal of Cardiovascular Magnetic Resonance, incluíronse de forma consecutiva 94 persoas con adicción a cocaína (81 deles homes). A todos/as se lles fixo unha cardiorresonancia magnética con estudo morfolóxico e funcional do corazón e a aorta, así como de detección de inflamación ou fibrose focal do miocardio. Nos primeiros 50 pacientes tamén levou a cabo un estudo de detección de isquemia.

Deste xeito, técnicas de imaxe cardíaca permitiron confirmar que o consumo a longo prazo de cocaína supón unha afectación cardiovascular mesmo en individuos asintomáticos. Por iso, considérase que grazas a estes achados sería planteable modificar o manexo dos adictos/as a cocaína, para incluír na súa valoración médica unha avaliación cardíaca mesmo aínda que non mostren síntomas de padecer ningunha alteración cardiovascular.

Respecto diso, a doutora Alicia Maceira, primeira asinante da investigación, explica que aínda que o estudo non foi deseñado para determinar por que se producen exactamente estes problemas, "o que si sabemos é que unha porcentaxe moi alta destes individuos, aínda que estean asintomáticos, presentan patoloxía no corazón".

Deste xeito, a novidade é que até o momento a maior parte de estudos de afectación cardíaca en persoas con adicción a cocaína fixéronse en pacientes seleccionados por síntomas, tras padecer un infarto de miocardio, insuficiencia cardíaca, ou se investigaba o consumo de cocaína en todos os/as pacientes que presentaban unha determinada patoloxía. En cambio, neste caso avaliouse a cocainómanos/as asintomáticos e non seleccionados (incluíronse no estudo de forma consecutiva, conforme chegaban ao centro de adiccións e cumprían os requisitos solicitados).

Así pois, aconséllase "unha valoración cardiolóxica nestas persoas, aínda que estean asintomáticas". De feito nunha segunda fase do estudo, que xa está en marcha, está a valorarse a posibilidade de que estas anomalías cardíacas puidesen desaparecer ao deixar de consumir cocaína, e tamén se quere determinar que factores de consumo, como vía de consumo, dose, ou anos, inflúen na aparición destas alteracións e poden axudar a determinar quen deben ser sometidos a un estudo cardiolóxico.

Neste estudo colaborativo participaron a Unidade de Imaxe Cardíaca de ERESA, o Departamento de Cardioloxía do Hospital Arnau de Vilanova, a Unidade de Condutas Adictivas da área Valencia-A Fe, o Departamento de Psiquiatría do Hospital Xeral de Valencia e a Unidade de cardiorresonancia do Royal Brompton Hospital de Londres.

Fonte: Las drogas info