10-07-2014
A cocaína chega ao corazón: o seu consumo a longo prazo acaba por afectar á saúde
Dilatación e disfunción contráctil de ventrículo esquerdo e dereito, hipertrofia do ventrículo esquerdo ou focos de fibrose focal. Son os trastornos máis frecuentes que presentan os adictos/as á cocaína que sofren algún tipo de afectación cardíaca. Aínda que non presenten síntomas, segundo un estudo realizado en España e Reino Unido, até o 71% dos cocainómanos/as presentan algún tipo destas patoloxías.
No estudo, publicado no Journal of Cardiovascular Magnetic Resonance, incluíronse de forma consecutiva 94 persoas con adicción a cocaína (81 deles homes). A todos/as se lles fixo unha cardiorresonancia magnética con estudo morfolóxico e funcional do corazón e a aorta, así como de detección de inflamación ou fibrose focal do miocardio. Nos primeiros 50 pacientes tamén levou a cabo un estudo de detección de isquemia.


