12-08-2016
O consumo de drogas por estudantes de ensinanza secundaria en Galicia é inferior á media estatal
A prevalenza do consumo de drogas por mozos/as galegos/as de entre 14 e 18 anos é inferior á media estatal, segundo se desprende dos resultados da Enquisa sobre o uso de drogas en ensinanzas secundarias en España (ESTUDES), realizada pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre drogas.
Segundo explicou o subdirector xeral de Programas de Fomento e Estilos de Vida Saudables, Jorge Suanzes, en 2014 -ano da última mostraxe- analizáronse 18 sustancias psicoactivas, e a enquisa amosa que, en Galicia, a substancia máis consumida polos/as estudantes é o alcohol, por encima do tabaco e o cánnabis. Tamén constata que o consumo de drogas ilegais está máis estendido nos homes e o de drogas legais -tabaco, alcohol ou hipnosedantes- entre mulleres. En todos os casos, excepto no de hipnosedantes, aumenta coa idade.


