Sexualidade

Sexualidade

Todas as persoas son sexuadas, é dicir , teñen un corpo sexuado en feminino ou en masculino que lles permite pensar, entender ,expresar ,comunicar ,gozar ,sentir e facer sentir. O corpo sexuado é, por tanto, o lugar onde a sexualidade reside e faise posible.

A sexualidade está intimamente relacionada co pracer, a comunicación e o intercambio afectivo. É algo que, segundo a Organización Mundial da Saúde, “motívanos a buscar afecto, pracer , tenrura e intimidade”.

O sexo (o corpo sexuado) e a sexualidade van unidos; e non son só aspectos importantes da vida humana, senón que a constitúen desde que nacemos ata que morremos. A sexualidade é, por tanto, algo máis que unha dimensión da persoa; forma parte do esencial do ser humano: é algo que somos. Por iso é polo que favorecer o desenvolvemento san e pracenteiro da sexualidade sexa favorecer o desenvolvemento integral dunha persoa.

O sexo ou a diferenza sexual

O sexo é a primeira información que adoitamos ter sobre unha criatura; é algo que nos vén dado (nácese sendo neno ou nena) e que nos acompaña ao longo de toda a vida. A palabra sexo fai referencia, por tanto, á existencia de corpos sexuados en masculino e corpos sexuados en feminino.

O feito de vivir nun corpo de home ou nun corpo de muller pode implicar experiencias variadas e diversas e pode ter diferentes interpretacións. Estas variarán en función da cultura, o contexto e a singularidade de cada persoa.

A diferenza sexual fai referencia ao sentido e o significado que cada cal lle dá ao feito de nacer sendo dun sexo ou doutro. Vivir este feito con interpretacións impostas ou ben como se o propio corpo non tivese ningunha significación fai case imposible vivir a gusto na propia pel. Isto é así porque dar un sentido libre e singular ao sexo que se ten é unha necesidade existencial: é poder realizar desexos propios e orixinais sen caricaturizar nin renunciar a aquilo que se é (un home ou unha muller).

A maneira en que cada cal desde o seu nacemento vai dando significados ao seu sexo será máis libre na medida en que comprenda que hai multitude de formas de ser nena e de ser neno (tantas como nenas e nenos existen) e non unha soa; que o sexo é algo que nos vén dado e que é para sempre; que un sexo non ten máis valor que o outro; que a diferenza sexual non é motivo de inquietude e moito menos de discriminación.

A sexualidade infantil

Na infancia, os órganos sexuais están pouco desenvolvidos, a cantidade de hormonas sexuais en sangue é moi pequena e as sensacións de pracer non adquiriron aínda significados específicos. Nos dous primeiros anos de vida, o desenvolvemento corporal e sensitivo dunha criatura é extraordinario, de tal maneira que, se non ten deficiencias ou problemas de saúde, ao finalizar este período, as e os bebés xa dispoñen de todo o necesario para controlar a vista, o oído, o gusto, os sentimentos, o acto de camiñar , o equilibrio, o fala, a memoria, o pensamento e a destreza de movemento.

A sexualidade infantil existe, aínda que en diversos contextos e momentos históricos díxose que non. Desenvólvese e expresase fundamentalmente a través da curiosidade (observación, manipulación, autodescubrimentos, mirar ou preguntas) e o xogo (exploración, imitación e identificación).

O sentido e os significados que nenas e nenos dan aos seus descubrimentos e xogos sexuais pouco teñen que ver cos dados polas persoas adultas. As súas actividades sexuais baséanse en motivos diferentes. Por iso, é importante non interpretar as expresións da súa sexualidade desde a nosa óptica e a nosa experiencia de persoas adultas e atribuírlles significados que non teñen.

Son múltiples e de gran transcendencia as cuestións referidas á sexualidade que están presentes desde o nacemento e na primeira infancia. Estas son algunhas delas:

  • O descubrimento do propio corpo e a experimentación de sensacións a través da autoexploración e dos contactos (caricias, bicos, abrazos...) con outros corpos.
  • As relacións e os vínculos afectivos coas figuras de apego e os sentimentos cara a elas.
  • A conciencia do propio sexo e da existencia do outro e das diferenzas entre ambos.
  • As primeiras nocións sobre os estereotipos e características asociadas ao feminino e ao masculino.
  • A curiosidade polo corpo adulto (masculino e feminino) e polo doutros nenos e nenas.
  • O interese pola propia orixe, a reprodución e as relacións sexuais e amorosas entre persoas adultas.

Ser como somos é o noso mellor punto de partida. É frecuente pensar que para educar a nenas e a nenos no desenvolvemento libre, san e gratificante da súa sexualidade é necesario actuar e ser dunha maneira concreta e non doutras. Con todo, cambiar as nosas sensacións e formas de pensar para pregarnos a determinados patróns de conduta non é unha tarefa fácil e nin sequera positiva, xa que implica renunciar ao que somos e á riqueza que existe no que cada cal é.

Non é necesario facer teatro

Toda persoa adulta tivo unha historia chea de vivencias e experiencias que foron configurando as súas actitudes, os seus modos de pensar, sentir e actuar en relación ao seu sexo e á sexualidade. Estas actitudes non son inamovibles e están en continua transformación. É frecuente que nais e pais, mestres e mestras, co afán de darlles a oportunidade de ter unha vivencia da sexualidade máis libre que a propia, “fagan teatro”, véxanse interpretando un papel que non se corresponde co que realmente senten e son.

“Facer teatro” implica un gran esforzo que quita frescura e espontaneidade á relación con cada neno e cada nena, e que, polo mesmo, resulta canso. Ademais, trátase dun esforzo que non garante que as contradicións e os medos non aparezan. Cando se pon o acento no que se debe ou non se debe facer , deixando nun segundo plano o que somos, pode ocorrer mesmo que un home ou unha muller escondan os seus propios avances por medo a que repercutan negativamente nas criaturas.

O mellor punto de partida é recoñecer os propios desexos, saberes, avances, dificultades, medos, pudores, etc. e empezar a aceptalos. Só desde aí é posible dicir a verdade e buscar os modos de facer educación afectivo-sexual sentíndose ben. Iso implica non renunciar á propia historia, aceptar os propios límites e necesidades (tanto de recursos, como de información ou de apoio), valorar as propias conquistas e avances en relación ao que foi nosa propia infancia, e recoñecer que é un avance histórico querer facer unha educación sexual máis sa e libre que a recibida.

Tomemos como exemplo a unha nai que pensa que é bo deixar que a súa filla se autoexplore os seus xenitais. Non censurará á nena, e incluso estaría disposta a falar. Pero é probable que non poida evitar sentirse estraña ante esta práctica, e a filla, dun xeito ou outro notará a inquietude. En relación ó que foi a súa propia educación, na que a autoexploración estaba prohibida, esta muller dou un gran paso.

Con todo, o sentimento de inquietude é algo que está aí, se é tomado con agarimo e aceptación probablemente deixará de implicar culpa ou ansiedade, e será máis fácil entendelo e , ás veces, mesmo minimizalo. A inquietude pode implicar un problema, pero se ademais sente a obrigación de deixar de sentir esa inquietude, entón o problema é dobre.

Cando as persoas maiores se mostran tal como son ante os seus fillos ou fillas, alumnos ou alumnas, están a transmitirlles que elas e eles tamén poden ser e expresarse como son, que aceptan a súa curiosidade, as súas preguntas e as súas demandas. E, ademais, que a forma de canalizar estas demandas non é única. Cada unha e cada un/ha de ir atopando a súa propia maneira a medida que as demandas se vaian producindo. Por exemplo, se unha nai ou un pai teñen pudor de mostrarse espidos ante os seus fillos ou fillas, é interesante que o recoñezan en lugar de finxir que lles dá igual, explicando que tamén hai outras persoas ás que non lles importan e ningunha das situacións é un problema.

A calidade da relación é máis importante que as mensaxes que se dan ou se deixan de dar , porque nela, aínda que non se teñan todas as respostas, a criatura poderá aprender a expresar tamén os seus medos e inquietudes. E esta relación pode ser unha fonte de aprendizaxe tamén para a persoa adulta.

En definitiva, para facer educación sexual non hai que forzarse a nada, nin tentar ser quen non se é. Falar dos propios temores, dúbidas e experiencias é ensinar ás nenas e aos nenos para mostrarse tal como son, é ensinar a aceptarse e a aceptar ás e os demais entendernos, aceptarnos.

Entendernos e aceptarnos non é algo que sempre resulte fácil, máis ben ao contrario, adoita ser unha tarefa complexa. É frecuente que pasásemos toda unha vida facendo aquilo que se espera de nós e nós, tentando sentir aquilo que nos dixeron que tiñamos que sentir , culpabilizándonos por non ser e sentir do modo que nos dixeron que é o adecuado, e , terminamos, na idade adulta, sen saber quen son e que sentimos realmente.

O importante, por tanto, é empezar a achegarnos con agarimo a cada sentimento, pensamento ou dúbida que nos xurda. Unha forma de facelo é prestando atención aos nosos desexos. Así, por exemplo, o desexo de vivir dun modo máis gratificante e libre a propia sexualidade acompaña a moitas persoas adultas, aínda que non sempre atopen o camiño para conseguilo. Na nosa cultura non é habitual dicir a verdade sobre o que somos e sentimos, e tampouco falar sobre a nosa sexualidade, nin con nenas e nenos, nin entre persoas adultas.

Moitos homes e mulleres se teñen dúbidas sobre a súa propia sexualidade ou non a viven comodamente, pero non atopan o lugar para expresar esa experiencia. Hai quen si expresa as súas vivencias e viven unha sexualidade pracenteira, pero non teñen modelos de referencia sobre como dar este tipo de información ós nenos e nenas. E tido isto produce medos, ansiedade, incerteza e contradicións.

Non é fácil superar estas dificultades sen o apoio, recoñecemento e escoita doutras persoas adultas. As relacións de intercambio con mulleres e homes que están dispostos a empezar a dicir a verdade e a establecer relacións de aceptación, permiten entender de onde veñen estas dificultades, recoñecer os propios logros e rebaixar o nivel de ansiedade. Un bo lugar soen ser as escolas de pais e nais. Aínda que existen espazos diversos, todo é cuestión de atopar interlocutores e interlocutoras axeitados para comezar.