Educación na familia

Educación na familia

É na familia onde se adquiren e desenvolven as actitudes, crenzas, valores, hábitos, estilos de vida e comportamentos que determinarán o modo dos fillos/as de enfrontarse á vida e, polo tanto, o modo de relacionarse co entorno social.

A función educativa dos pais/nais vai dirixida a dar a educación necesaria para lograr que os fillos/as cheguen a ser adultos responsables e autónomos, que cumpran as tarefas sociais (estudios, traballo,...) con éxito e se relacionen de xeito adecuado coas demais persoas.

Nos últimos anos vense producindo unha evolución no concepto de familia e modificacións na estrutura e nas súas funcións. As funcións tradicionais de educación e transmisión de valores vense alteradas por: cambios e crise dos valores tradicionais que producen unha desorientación e confusión nos pais/nais, falta de experiencia e coñecemento en pautas de crianza e educación dos fillos/as, diminución do número de membros da familia e a incorporación da muller ó mundo laboral.

Os cambios producen sempre certo desconcerto e incerteza cara o futuro e, sobre todo no modo de actuar. Debido a todo isto consideramos necesario que as familias reciban información que lles permita afrontar as novas situacións coa finalidade de lograr un desenvolvemento axeitado do ambiente familiar.

Non hai un único modo de educar, cada familia ten que encontrar o seu propio estilo educativo. Pero si podemos dicir que calquera familia pode mellorar o seu funcionamento e que en toda familia pódese facer algo para educar con máis eficacia.

Algunhas veces oímos frases tales como estas ó falar de educar:

  • "A letra con sangue entra"
  • "Xa o terá que facer cando sexa maior, pobriño"
  • "Lévome de marabilla coa miña filla, son a súa amiga"
  • "Cando sexas pai, comerás ovos"
  • "Que o meu fillo non sexa menos que os demais"
  • "Non quero que o sufra o que eu pasei"
  • "Farei todo o posible para que me fillo sexa..."

PERO EDUCAR É:

  • Facerlle a unha persoa capaz de ser independente, autónoma: Coñecemos pais/nais empeñados en facer do seu fillo/a un/ha inútil. Vanlle abrindo todas as portas para que non tropece, por si non é capaz de abrir ningunha. Vanlle achandando todos os camiños, e despois non será capaz de sortear ningún obstáculo... Educar é un proceso de acompañamento e diálogo, pero á vez ensinando e esixindo responsabilidades.
  • É tamén axudar a unha persoa a saír do seu egoísmo: É unha tentación moi sutil a de consentir todo capricho, saciar todo desexo, cultivar insensiblemente un, cada vez, maior egoísmo. É ruinoso darlle máis do que pide, darlle mellores cousas que ós outros/as, impedíndolle gozar de conseguir algo por si...
  • É axudar a ser, permitir ser: Cantos nenos/as chegan á conclusión de que: "¡non podo ser eu porque así non me queren!", "teño que ser como eles/as esperan que sexa",...
  • Sen esquecer que ser un mesmo/a esixe ser libre, e isto presupón un mínimo de seguridade persoal: "Se mo resolveron todo, nunca terei seguridade, se vivín sempre sometido, serei incapaz de valerme por min mesmo/a, se non sentín amado/a, non me fiarei das miñas forzas, se non me acepto a min mesmo, non saberei decidir". Educar é tamén pór límites adecuados á idade, aínda que protesten, á vez que lles transmitimos continuamente que lles seguimos querendo, a pesar de todo e por encima de todo.

Como pais/nais ca educación pretendemos conseguir que os nosos fillos/as sexan:

  • Libres: con capacidade de optar en conciencia.
  • Responsables: que teña motivación ó desenvolvemento (para conseguir algo positivo) e non tanto por motivacións defensivas (facer algo para defenderme dunha situación adversa ou dunha persoa).
  • Autónomos/as:

    • Intelectualmente.
    • Afectivamente: que poidan tolerar frustracións, pospor satisfaccións, aceptar o sufrimento (necesario para chegar a ser persoa) e superalo.
    • Cada fillo/a ten un temperamento (personalidade propia), e os pais/nais debemos favorecer que vaian emerxendo os aspectos positivos e controlando os negativos. Non se pode tratar a todos/as por igual.

Pero NECESITAN:

  • Que lles sigamos querendo, a pesar de todo e por encima de todo.
  • Que estamos aí para darlles seguridade.
  • Que lles poñamos límites, e necesítanos aínda que protesten.

Alguén pode pensar que se está buscando de novo a figura do pai/nai autoritario/a, pero iso convén ser matizado, porque non se trata dun pai/nai inaccesible, senón dun pai/nai que fixa límites, normas e valores porque son necesarios para o xogo da vida: sen regras non hai xogo posible, e se a familia non é capaz de ofrecelas, van buscalas noutro sitio.

Un intento de definición:

A familia é...

  • ....UN SISTEMA ABERTO, á escola, o barrio,o traballo...
  • .....COMPOSTO POR SUBSISTEMAS (conxugal, parental, fraternal e filial: somos esposos e esposas, pais e nais, irmáns...)
  • ... QUE SE RELACIONAN ENTRE SI: todo o que ocorre na familia é resultado do xogo de relacións entre as persoas. Cando xorden problemas non se trata pois de buscar culpables, senón de ver que todo o que fago repercute nos demais e viceversa. Xeralmente, tanto máis fai un unha cousa, tanto máis fai o outro/a a contraria e créase un círculo sen saída. En consecuencia, é cómodo e pouco útil o culpar ao outro/a ou esperar a que el/ela cambien, pero eu sempre podo introducir cambios na relación, que obrigarán a cambiar ao outro/a, polo menos na súa relación comigo.
  • ....CON XERARQUÍA: dentro da familia , as persoas e as relacións son diferentes (existen relacións entre o cónxuxes, de estes con fillos/as e entre estes/as, pero non se dan ó mesmo nivel). Un problema, frecuente e perigoso, aparece cando se altera a xerarquía e fanse "triángulos perversos": por exemplo: un pai/nai aliase cun fillo/a en contra do outro cónxuxe en vez de arranxar os problemas da parella,...
  • ......DOTADO DE ESTABILIDADE E CAPACIDADE DE ADAPTACIÓN: ten que ir adaptándose ó longo do seu ciclo vital,. A familia, como as persoas, ten unha "vida".
  • ....QUE SE AUTOGOBERNA POR REGRAS: necesarias para o funcionamento familiar, por que a familia non deixa de ser un grupo humano e como tal é necesario un "regulamento interno".
  • ....CON HISTORIA: as nosas familias de orixe están presentes con mitos, crenzas compartidas por todos os membros da familia respecto dos roles e a natureza das relacións; aceptémolos ou os rexeitemolos están presentes.
  • ... E ONDE TEN LUGAR A INDIVIDUACIÓN: as relacións do individuo ca sociedade pasan a través da familia.

E dentro deste proceso, toda familia atravesa crises, que unha vez superadas, é un paso de crecemento e se se atasca é cando aparecen os problemas e perigos.

A FAMILIA debe cumprir dous OBXECTIVOS:

  • Prover ós seus membros de todo tipo de necesidades (materiais e afectivas) para o que fai falta estabilidade.
  • Favorecer a autonomía dos seus membros, sobre todo fillos/as para o que debe haber flexibilidade. As regras da familia vanse cambiando, negociando en cada etapa o permitido e non permitido. Por isto, tan negativo é que non haxa ningún cambio (e que por exemplo as normas e o trato sexa igual para un fillo de 5 anos e para outro de 15 ), como que non exista ningún control nin ningunha regra, faga o que faga o fillo/a.

¿Que son?

É a forma reiterada e dominante de establecer relacións e resolver conflitos entre pais/nais e fillos/as. Plásmase en pensamentos, actos e accións respecto dos fillos/as.

Nunca é puro, aínda que haberá un dominante e pode vir definido por:

  • O temperamento dos pais/nais(nerviosos/as, tranquilos/as...).
  • A propia experiencia de como foi educado polos propios pais/nais.
  • A moda educativa, as ideas que circulan sobre aspectos educativos na sociedade na que vivimos (por exemplo: pasamos de "porque me debes un respecto" a "quero ser amigo do meu fillo").

Tipos de estilos

No estilo permisivo os pais/nais:

  • Creen ...

    • "Os meus fillos/as son bos e saben cal é o camiño".
    • "É a miña responsabilidade proporcionarlles todo aquilo eu non puiden ter".
    • "Debo evitar que teñan que facer fronte ás cousas que lles poidan perturbar".
  • Resolven os conflitos...

    • Empregando a persuasión.
    • Habitualmente son os fillos/as os/as que saen gañando.
    • Os pais/nais eliminan os obstáculos.
  • Os fillos/as aprenden ...

    • "Podo facer ou ter o que queira".
    • "Non debo de preocuparme dos problemas derivados das miñas accións, meus pais/nais xa o solucionarán".
    • Dependencia, falta de respecto e egocentrismo.

No estilo autoritario os pais/nais:

  • Creen ...

    • "A razón é miña".
    • "É a miña responsabilidade guiar os meus fillos/as polo bo camiño".
    • "A letra con sangue entra".
    • "Respectaranme se me teñen medo".
  • Resolven os conflitos...

    • Empregando a forza.
    • Habitualmente son os pais/nais os/as que impoñen a solución.
    • Os pais/nais dirixen a controlan todo o proceso.
  • Os fillos/as aprenden ...

    • "Meus pais/nais son os /as que toman as decisións".
    • "A forza é a forma más eficaz de resolver problemas".
    • "Se as miñas condutas non agradan ós meus pais/nais irán seguidas de consecuencias desagradables para min".
    • Medo e dependencia.

No estilo cooperativo os pais/nais:

  • Creen ...

    • "Son humano e podo estar equivocado/a".
    • "Os meus fillos/as son capaces de resolver a maioría dos seus problemas por si mesmos/as".
    • "Debo axudalos/as a apoialos á hora de buscar o camiño correcto".
    • "Facer fronte ós seus problemas axudaralles a facerse adultos".
  • Resolven os conflitos...

    • Con respecto mutuo.
    • Empregando a cooperación.
    • A mellor solución a un problema é aquela na que todos/as gañamos.
    • Fomentando a responsabilidade.
  • Os fillos/as aprenden ...

    • "A solución dos meus problemas é a miña responsabilidade".
    • "Debo asumir as consecuencias dos meus actos".
    • Independencia, autocontrol, respecto polas regras, cooperación.

Os estilos autoritario e permisivo son dúas versións diferentes do que confusa e tradicionalmente se entendeu ser "un bo pai/nai", con condutas de sobreprotección sobre os fillos/as que impiden o seu desenvolvemento saudable. No estilo permisivo proporcionáselles o fillo/a moitas oportunidades para tomar decisións de decidir por si mesmo/a, pero non se lles ensina a ser responsable e a afrontar as consecuencias dos seus actos. No estilo autoritario, preparan os seus fillos/as para non ter que afrontar as consecuencias da conduta, especialmente si infrinxe os límites impostos, pero terá serias dificultades para comportarse autonomamente xa que está acostumado/a a que lle digan o que ten que facer e foron poucas as ocasións nas que tivo que decidir por si mesmo/a.

O estilo cooperativo é o máis axeitado para lograr que o fillo/a se converta nunha persoa autónoma e responsable coa capacidade de comportarse independentemente xa que fomenta a participación activa dos fillos/as na toma de decisións dos asuntos que lle afectan, á vez que se lle permite “aprender dos erros” debendo facer fronte ás consecuencias derivadas das súas eleccións. Ademais mantense unha relación positiva cos fillos/as e á vez lograrán facer cumprir unhas regras básicas de convivencia.

A XEITO DE CONCLUSIÓN:

Aínda que non hai tipos de estilos puros, convén pensar cara que tipo de pais/nais tendemos ser e os perigos que isto pode levar nos nosos fillos/as. Algunhas recomendacións sobre que facer son:

  • Tender ó máximo afecto.
  • Aceptar ó fillo/a/a tal como é, coas súas calidades e defectos.
  • Valorar o positivo.
  • Facer saír as súas capacidades.
  • Facerlle ver que é digno de confianza.

Pero sempre ter en conta:

  • Adecuar á idade.
  • Explicar o porqué das normas e cumpríndoas os/as demais.
  • Dar responsabilidades adecuadas á súa idade, e algo máis de liberdade da que é capaz de usar para que poida exercitarse.

RECORDA: O ESTILO EDUCATIVO INFLÚE DE FORMA CONSIDERABLE NA RAPIDEZ COA QUE OS FILLOS/AS ADQUIREN AUTONOMÍA E RESPONSABILIDADE NECESARIA PARA UN DESENVOLVEMENTO SAUDABLE.