VIH/SIDA

VIH/SIDA

¿Que é a SIDA?

A palabra SIDA corresponde ás iniciais da Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida.

Síndrome:conxunto de síntomas e signos que caracterizan unha enfermidade.Inmunodeficiencia:enfraquecemento do sistema inmunolóxico, que é o responsable das defensas do noso corpo.Adquirida:non é hereditaria, senón causada por un virus.

Cando o VIH (Virus de Inmunodeficiencia Humana) entra no noso organismo ataca ó sistema de defensas de forma silenciosa, a medio e longo prazo, ás células que se encargan de defendernos das enfermidades e deixando ao organismo exposto a infeccións graves e certos cancros. Co tempo, ó debilitarse o sistema inmunolóxico, a persoa infectada empeza a sufrir unha serie de enfermidades coñecidas no seu conxunto como SIDA.

Cando unha persoa adquire o VIH dise que é portadora do virus da SIDA ou seropositiva e aínda que non desenvolveu aínda a enfermidade e non presente síntomas que indiquen a presenza do VIH, si pode transmitir o virus a outras persoas.

¿Como actúa o VIH no noso organismo?

Polas súas características o VIH pódese definir como un virus verdadeiramente débil e pouco resistente fora do organismo humano, pódese destruír con: lixivia, auga oxixenada, deterxentes, alcohol de 70º ou calor superior a 60º.

Dentro do noso organismo, como os demais virus, o VIH non pode sobrevivir de forma independente, só pode vivir no interior dunha célula. Cando o VIH entra no noso organismo, implanta o seu código xenético nos linfocitos CD4, multiplícase a expensas destes e finalmente destrúeos, desta forma vaise producindo unha diminución da capacidade defensiva do organismo.

A infección por VIH é un proceso lento que se manifesta desta maneira:

  • Período asintomático: non hai signos externos da infección por VIH, a persoa seropositiva non nota nada, atópase sá aínda que sexa portadora do virus e poida transmitilo.
  • Inmunodepresión crónica: o sistema inmunolóxico da persoa seropositiva sufriu un descenso importante dos seus defensas.
  • SIDA: co tempo ó debilitarse o sistema inmunolóxico, a persoa infectada empeza a sufrir unha serie de infeccións e enfermidades coñecidas no seu conxunto como SIDA:

    • Infeccións oportunistas: cando a inmunidade dun organismo é deficiente, os microbios "oportunistas" aproveitan para invadilo e provocar infeccións graves (tose prolongada con febre, diarreas crónicas, parálises, tuberculoses, meninxites, problemas na vista, herpes cutáneo...).
    • Algúns cancros: Sarcoma de Kaposi (son placas ou nódulos cutáneos que non só se atopan na pel, senón tamén nos ganglios, pulmóns e en case todas as vísceras). Os linfomas (tumores dos ganglios linfáticos).
    • Outras manifestacións: o VIH pode actuar directamente sobre o sistema nervioso central, causando afeccións neurolóxicas (perda de memoria, falta de coordinación, confusión na linguaxe...).

A SIDA é pois a consecuencia final da destrución das defensas que durante anos realizou o VIH.

¿Como se transmite?, ¿como se prevén?

O virus da SIDA atópase en todos os fluídos do organismo dunha persoa portadora do VIH ou seropositiva, sen embargo os únicos nos que se atopa unha concentración suficiente de VIH para poder transmitilo son: o sangue, o seme, as secrecións vaxinais e o leite materno. No resto de fluídos, aínda cando poidan conter VIH, este atoparase en cantidade mínima e por iso non poderán transmitir a infección.

Por tanto, as vías de transmisión do VIH son: sanguínea, nai-fillo/a e sexual.

Transmisión sanguínea

A transmisión por vía sanguínea ten lugar cando o sangue dunha persoa seropositiva entra no torrente sanguíneo doutra persoa. Isto pode ser polo uso compartido de agullas (tatuaxes, pearcing...), xiringas, obxectos cortantes e aveños persoais (coitelas de afeitar, cepillo de dentes...) contaminados polo VIH.

¿Como previr?:

  • Non compartir agullas, xiringas ou calquera outro material para picarse.
  • Como norma de hixiene básica, non se deben compartir obxectos de aseo persoal (coitelas de afeitar, cepillo de dentes, instrumentos de manicura...).
  • As agullas, xiringas e obxectos similares que se utilizan nas consultas médicas, hospitais, etc., non supoñen ningún risco, xa que este material é dun só uso ou está esterilizado.
  • Cos pearcing, as tatuaxes, a depilación eléctrica ou a acupuntura, é importante asegurarse que se usa un equipo novo ou estéril.
  • No caso de transfusións sanguíneas, desde 1987 todo o sangue doado é examinado e destruído se resulta estar contaminada polo VIH. Tamén o material para doar sangue é estéril e dun só uso.

Transmisión nai – fillo/a:

Unha muller seropositiva pode transmitir o virus por vía sanguínea durante o embarazo (a través da placenta) ou no parto. Tamén a través do leite materno pódese transmitir o virus.

Todos os/as bebés de nais seropositivas nacen cos anticorpos do VIH, isto non quere dicir que todos/as estean infectados polo virus: só a un de cada catro a nai lle transmite o virus. A partires dos 18 meses pódese saber se o neno/a ten o virus.

¿Como previr?:

Neste caso, a mellor maneira de evitar a transmisión do VIH ó/á bebé é evitar o embarazo. Por iso, é fundamental que as mulleres portadoras do VIH consulten con especialistas antes de quedar embarazadas.

En caso de ser portadora do VIH e estar embarazada, é importante saber que:

  • Existe a posibilidade de interromper voluntariamente o embarazo dentro das 22 primeiras semanas de xestación, acolléndose ós supostos legais.
  • A atención sanitaria regular desde o principio do embarazo é moi importante. O tratamento con medicamentos antiretrovirales pode diminuír o risco de transmisión do VIH ó feto.
  • É aconsellable a cesárea.
  • É importante evitar a lactación materna.

Transmisión sexual

A transmisión sexual do VIH prodúcese nas seguintes relacións sen protección:

  • Penetración vaxinal ou anal.
  • Relación buco-xenital (sobre todo entraña risco se hai lesións na boca ou nos xenitais, inxírense as secrecións ou se manteñen na boca).

A transmisión realízase a través do contacto de fluídos: sangue-sangue, sangue-seme ou secrecións vaxinais.

Durante as prácticas sexuais, normalmente, prodúcense pequenas lesións ou feridas microscópicas nas mucosas da vaxina, pene ou ano. A través destas pequenas aberturas o virus pode pasar ó sangue. Polo tanto, todas as prácticas sexuais que favorecen as lesións e as irritacións levan un aumento do risco de transmisión. A mucosa rectal é máis fráxil ca mucosa vaxinal, polo que é máis fácil que se produzan lesións na penetración anal.

O risco increméntase se se manteñen relacións sexuais mentres se sofre algunha outra infección de transmisión sexual (porque provocan a aparición de úlceras ou chagas nos xenitais).

Tanto o home como a muller poden transmitir o virus ás súas parellas. Na muller seropositiva, o período da menstruación é máis infeccioso a causa do fluxo de sangue.

Prácticas sexuais / Risco de transmisión
Alto risco Con algunhas evidencias Sen risco
  • Penetración anal sen preservativo
  • Penetración vaxinal sen preservativo
  • Felación con exaculación na boca
  • Felación sen exaculación sen preservativo
  • Cunnilingus sen método de barreira
  • Bico negro (rimming) ou annilingus sen método de barreira
  • Empregando métodos de barreira: penetración anal, felación, cunnilingus, bico negro e annilingus
  • Uso non compartido de xoguetes sexuais
  • Masturbación mutua
  • Bicos
  • Caricias
  • Abrazos
  • Masaxes

Como previr?:

Utilizando o preservativo (masculino ou feminino) nas relacións sexuais con penetración (vaxinal, anal ou oral). Está demostrado que os preservativos impiden a transmisión do VIH. Por iso, un preservativo utilizado correctamente ofrece a máxima protección fronte á SIDA.

Outras prácticas sexuais....

  • Se se practica unha felación (estimulación do pene coa boca) hai risco de transmisión do VIH se hai lesións na boca ou nos xenitais, inxírese o seme ou se mantén na boca. Para evitar a transmisión débese utilizar preservativo.
  • Se se practica un Cunnilingus (estimulación da vulva coa boca) é importante utilizar barreiras de protección (preservativos cortados, anacos de plástico de envolver alimentos ou barreiras de látex) para que a boca non entre en contacto cos fluxos vaxinais, xa que é unha práctica sexual con risco de transmisión do VIH, sobre todo durante a menstruación.
  • Se se practica o annilingus (bico negro ou rimming) (estimulación do ano coa boca) existe risco de transmisión do VIH se hai presenza de sangue no ano ou na boca debido a algunha lesión. Para evitar a transmisión pódese utilizar calquera método barreira(preservativos cortados, anacos de plástico de envolver alimentos ou barreiras de látex) que impida o contacto directo da boca co ano.
  • O intercambio de xoguetes sexuais, como os consoladores, que entraron en contacto con fluxo vaxinal ou sangue, pode ser unha práctica de risco se se comparten ou se utilizan para diferentes prácticas sexuais (penetración vaxinal ou anal) polo que é importante utilizar preservativo.

O VIH NON SE TRANSMITE:

  • Acariñándose, tocándose, abrazándose, masturbándose, bicándose ou dándose masaxes.
  • Mirando, conversando, compartindo momentos agradables, expresando,...
  • A través das picaduras de mosquitos, dentadas ou arañazos de animais.
  • Compartindo vasos, cubertos, panos, pratos ou outros utensilios de cociña.
  • Compartindo alimentos ou auga.
  • Utilizando as mesmas duchas e servizos.
  • Compartindo o lugar de estudo, traballo ou vivenda.
  • Cos contactos da vida cotiá.
  • Compartindo pezas de vestir.
  • Nas piscinas e ximnasios.
  • Nas relacións sexuais con penetración utilizando métodos de prevención.

¿Como detectar a infección?

A presenza do virus da SIDA, pode detectarse mediante unha simple análise de sangue capaz de detectar no noso organismo a presenza ou ausencia de anticorpos fronte ó VIH que provoca a SIDA.

É moi aconsellable realizarse a proba se che expuxeches a ser infectado/a a través de relacións sexuais non seguras ou contacto co sangue. E, é moi recomendable, sobre todo nas seguintes situacións:

  • As persoas que mantiveron relacións sexuais con penetración (vaxinal, anal ou buco-xenital) sen preservativo ou que padeceron algunha enfermidade de transmisión sexual.
  • As persoas que compartiron utensilios que estean en contacto co sangue de persoas infectadas: coitelas de afeitar, xiringas, agullas, culleres, filtros ou calquera outro artigo para afeitarse, inxectarse, consumir drogas, etc.
  • As parellas que queiran deixar de usar o preservativo nas súas relacións e as mulleres que estean ou pensen quedar embarazadas.

Para realizarse a proba hai que deixar pasar un mínimo de tres meses desde que se produciu a práctica con risco xa que o noso corpo tarda ese tempo, chamado "período ventá", en desenvolver os anticorpos contra o VIH que se detectan na proba.

A proba do VIH realízase de forma gratuíta, voluntaria, confidencial, e se se desexa tamén anónima e pódese realizar Centros de Atención Primaria, nos Centros de Planificación Familiar e nos Centros de Enfermidades de Transmisión Sexual.

Se a proba dá positiva, non significa que a persoa seropositiva teña a SIDA, senón que está infectada polo VIH, é portadora do virus e pode transmitilo a outras persoas, polo que debe tomar precaucións para diminuír os riscos de evolución cara á SIDA e evitar que outras persoas se expoñan ao virus. Desde que se produce a transmisión do VIH ata que se desenvolve a SIDA poden transcorrer moitos anos. Así mesmo, pódese facer moito para atrasar a aparición da SIDA: evitando as reinfecións e outras ITS, realizando os controis médicos e tomando a medicación e mantendo estilos de visa saudables.

Sobre o tratamento

Os enormes avances científicos que se produciron con respecto á infección por VIH deron lugar a tratamentos que melloran a calidade de vida das persoas enfermas e atrasan a progresión da enfermidade.

A terapia antiretroviral refírese aos fármacos utilizados para tratar a infección polo VIH. Estes medicamentos inhiben a replicación do virus previndo a progresión da infección.

Os novos tratamentos antiretrovirales están a conseguir converter a SIDA practicamente nunha enfermidade crónica, e poderán lograr alargar tanto o período asintomático que non se chegue a desenvolver a SIDA.

Un dos factores máis importantes para conseguir unha maior efectividade dos tratamentos antirretrovirais consiste na adecuada adherencia ós mesmos, é dicir, a correcta toma dos medicamentos. A adhesión ao tratamento ofrece a mellor posibilidade aos fármacos e ao organismo humano de contraatacar ao virus. Por todo isto, é necesaria unha actitude de compromiso e negociación entre o/a paciente e o persoal médico con respecto á medicación prescrita (inicio do tratamento, medicamentos, doses, forma de administración e interrupción do tratamento) para obter o máximo beneficio dos tratamentos.

Doutra banda, é importante unha detección precoz da infección por VIH para iniciar o tratamento canto antes, xa que tomando a medicación adecuada e con controis médicos a persoa seropositiva pode mellorar a súa calidade de vida e atrasar a progresión da enfermidade. A pesar dos avances nos tratamentos e das investigacións para lograr unha vacina eficaz contra a SIDA, actualmente a prevención é a única forma de loitar contra a infección polo VIH.