Día Mundial Sen Tabaco 2017

Cartel da campaña

30/05/2017

O tabaco, unha ameaza para o desenvolvemento

O 31 de maio de cada ano, a OMS e os seus asociados celebran o Día Mundial Sen Tabaco co fin de poñer de relevo os riscos para a saúde asociados co tabaquismo e avogar por políticas eficaces para reducir o seu consumo. O lema do Día Mundial Sen Tabaco 2017 é: O tabaco, unha ameaza para o desenvolvemento. Contido da campaña:

− Na campaña demostrarase que a industria do tabaco compromete o desenvolvemento sustentable de todos os países, incluídos a saúde e o benestar económico dos seus cidadáns.

− Ademais, propoñeranse medidas de loita contra a crise mundial causada polo tabaquismo que deberán adoptar as autoridades e a opinión pública para promover a saúde e o desenvolvemento.

A loita antitabáquica fomenta a saúde e o desenvolvemento

A OMS insta os países a priorizar e axilizar os esforzos realizados para loitar contra o consumo de tabaco no marco das medidas relacionadas coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable.

Todos os países poden beneficiarse da loita eficaz contra esta epidemia, principalmente protexendo aos seus cidadáns contra os efectos daniños do consumo de tabaco e reducindo o seu impacto económico nas economías nacionais. O obxectivo da Axenda para o Desenvolvemento Sustentable e as súas 17 metas mundiais é garantir que «ninguén quede desatendido».

A loita antitabáquica, que está incluída na Axenda para o Desenvolvemento Sustentable, é unha das formas máis eficaces de contribuír ao logro da meta 3.4 dos ODS: de aquí a 2030, reducir nun terzo a mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles en todo o mundo, incluídas as enfermidades cardiovasculares, o cancro e enfermidade pulmonar obstructiva crónica.

Os gobernos de todos os países que actúan en favor do desenvolvemento sustentable deben alcanzar unha meta adicional: potenciar a aplicación do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco.

A loita antitabáquica axuda a alcanzar outros obxectivos mundiais

Ademais de salvar vidas e reducir as desigualdades sanitarias, os programas integrais de loita antitabáquica poden limitar as consecuencias negativas para o medio ambiente do cultivo, a produción, o comercio e o consumo de tabaco.

Estes programas tamén axudan a romper o ciclo da pobreza, erradicar a fame, promover a agricultura sustentable e o crecemento económico e loitar contra o cambio climático. O aumento dos impostos sobre os produtos do tabaco pode redundar nun maior financiamento da cobertura sanitaria universal e doutros programas de desenvolvemento gobernamentais.

Pero non son só os gobernos quen debe redobrar os esforzos: todos podemos poñer o noso gran de area para poñer fin ao consumo de tabaco no mundo de forma duradeira. É posible conseguir compromisos individuais.

Os usuarios actuais poden comprometerse a non consumir máis tabaco ou a buscar axuda para conseguilo; así, non só mellorará a súa saúde, senón tamén a das persoas expostas ao fume, especialmente os nenos, así como os seus familiares e amigos. O diñeiro aforrado poderíase utilizar para satisfacer necesidades básicas, como a compra de alimentos saudables, o coidado da saúde e a educación.

Algúns datos sobre o tabaco, a loita antitabáquica e os obxectivos de desenvolvemento:

− O consumo de tabaco mata cada ano a case 6 millóns de persoas, unha cifra que, segundo as previsións, aumentará ata máis de 8 millóns de falecementos anuais en 2030 se non se intensifican as medidas para contrarrestalo. O tabaquismo é prexudicial para calquera persoa, con independencia do seu sexo, a súa idade, a súa raza, a súa cultura e a súa educación. Causa sufrimento, enfermidades e falecementos, empobrece ás familias e debilita as economías nacionais.

− Obriga a aumentar o gasto sanitario e produce unha redución da produtividade, xerando custos substanciais para a economía dos países. Ademais, o consumo de tabaco agrava as desigualdades sanitarias e a pobreza, xa que as persoas máis pobres dedican menos recursos a necesidades básicas como a alimentación, a educación e a atención sanitaria. Preto do 80% das mortes prematuras causadas polo consumo de tabaco rexístranse en países de ingresos baixos e medianos, que teñen máis dificultades para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento.

− No cultivo do tabaco utilízanse grandes cantidades de praguicidas e fertilizantes que poden ser tóxicos e contaminar fontes de subministración de auga. Cada ano, estes cultivos utilizan 4,3 millóns de hectáreas de terra e causan entre un 2% e un 4% de deforestación do planeta. Ademais, a fabricación de produtos de tabaco xera 2 millóns de toneladas de residuos sólidos.

− O Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco (CMCT da OMS) é a referencia na loita contra a epidemia do tabaco a nivel mundial. Trátase dun tratado internacional ao que se adheriron 180 partes (179 países e a Unión Europea). Máis da metade dos países do mundo, que engloban a 2800 millóns de persoas (preto do 40% da poboación mundial), aplicaron na súa totalidade polo menos una das medidas máis costoeficaces da CMCT da OMS. Cada vez son máis os países que aplican medidas de protección para evitar que a industria tabacaleira interfira nas políticas públicas sobre loita antitabáquica.

− O aumento de US$ 1 o imposto sobre os cigarros recadaríanse US$ 190 000 millóns máis que poderían utilizarse en políticas de desenvolvemento. O incremento destes impostos xera ingresos fiscais para os gobernos, pode reducir a demanda de tabaco e é unha fonte de ingresos importante para financiar actividades de desenvolvemento.

Obxectivos da campaña do Día Mundial Sen Tabaco 2017. Este ano, as metas son as seguintes:

− poñer de relevo a relación entre o consumo de produtos de tabaco, a loita antitabáquica e o desenvolvemento sustentable;

− alentar aos países para incluír a loita antitabáquica nas medidas que aplican os países no marco da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable;

− axudar aos Estados Membros e á sociedade civil a combater a inxerencia das industrias tabacaleiras no establecemento de políticas, o cal podería potenciar os plans de acción nacionais para o control do tabaco;

− alentar aos asociados e ao público en xeral a participar nos esforzos mundiais, rexionais e nacionais para elaborar e aplicar estratexias e plans de desenvolvemento, así como a alcanzar os obxectivos que establecen como prioridade as medidas de loita antitabáquica;

− demostrar que todos podemos contribuír a poñer fin ao consumo de tabaco no mundo de forma duradeira, xa sexa comprometéndonos a non consumir nunca produtos de tabaco ou a abandonar o hábito tabáquico.

Fonte: OMS (Organización Mundial da Saúde)