A xenética, clave para deixar de fumar

Cerebro en renonancia mágnética

07/02/2012

O estudo “Smoking xenes: por que fumamos?”, realizado por investigadores/as do Centro de Excelencia de Investigación en Saúde e Ciencias da Vida da Universidade Europea de Madrid en colaboración coa Unidade de Pneumoloxía do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, revelou que os factores xenéticos inflúen tanto en continuar ou non fumando (tras probar o tabaco), como na cantidade de cigarros que consome o fumador/a.

Esta investigación, que analizou 17 variantes xenéticas implicadas na adicción á nicotina na poboación, e que foi recentemente publicada en PLoS ONE, identificou unha serie de xenes que contribúen principalmente ao maior consumo de tabaco.

“Para coñecer a variabilidade no hábito tabáquico, estudamos os xenes que inflúen na resposta á nicotina, como son as encimas metabolizadoras, así como os que repercuten no comportamento aditivo do fumador/a debido aos seus efectos nas vías de neurotransmisión cerebral”, explica Félix Gómez-Gallego, profesor da Universidade Europea de Madrid e principal investigador do estudo. Así, demostrouse que “os individuos que metabolizan a nicotina máis rapidamente experimentan máis efectos pracenteiros e menos desagradables ao fumar por primeira vez que os que a metabolizan máis lentamente, de forma que se incrementa neles o risco de converterse en fumadores habituais”, engade.

O tabaquismo é a principal causa previble de morte a nivel mundial. Actualmente, a taxa de mortalidade dos fumadores/as triplica a do non fumadores/as e entre o 30% e o 35% deles morre antes de cumprir os 65 anos.

Ante estas cifras e posto que o estudo pon de manifesto que os factores xenéticos contribúen ao redor dun 50% no éxito do tratamento de deshabituación tabáquica, coñecer as relacións entre polimorfismos xenéticos e o hábito tabáquico permitirá desenvolver tratamentos máis dirixidos en función do perfil xenético dos fumadores/as ou ben novos fármacos que poderían diminuír as mortes causadas por patoloxías derivadas do hábito tabáquico.

Por último, o profesor Gómez-Gallego insistiu na importancia de que o fumador/a exprese “abertamente” o seu desexo de abandonar este hábito e de que o/a especialista teña en conta “tanto a dependencia física como o compoñente psicolóxico”.

 

FONTE: Universidade Europea de Madrid