Heroína

Heroína

Que é?

A heroína é unha droga sintetizada a partir da morfina, derivada á súa vez do opio que se obtén da planta Papaver somniferum. Inclúese no grupo dos opiáceos (drogas depresoras do Sistema nervioso Central). Foi sintetizada en 1874, tratando de buscar un fármaco coa potencia analxésica da morfina, pero sen a súa capacidade aditiva, aínda que pronto se comprobou que os seus riscos e efectos negativos eran superiores aos da morfina e a maioría dos países occidentais suspendeu o seu uso médico.

A heroína pode fumarse, inxectarse ou inhalarse polo nariz. As dúas primeiras vías de administración son as de acceso máis rápido ó cerebro e, xa que logo, as que producen efectos de forma máis rápida. Moitos usuarios/as novos/as inícianse aspirándoa polo nariz ou fumándoa, pensando, erroneamente, que deste xeito non se chega adicción. Con todo, a medida que o organismo se acostuma á droga e os efectos que produce fanse menos evidentes, recorren á inxección para obter resultados máis intensos, como os que experimentaban cando comezaron a consumir.

Que aspecto ten?

Preséntase orixinariamente como un po branco, inodoro e fino que, dependendo do proceso de produción, pode presentarse con outra cor e textura.

A heroína pode ser adulterada (quinina, lactosa, bórax, azucre, amidón,... e ata se utilizou estricnina e barbitúricos e sedantes). As adulteracións son as causantes dunha parte dos problemas médicos derivados do seu consumo, ó que hai que engadir la "contaminación" con bacterias, virus, fungos ou partículas tóxicas.

Que efectos produce no meu organismo?

A heroína activa un sistema do noso propio organismo denominado “sistema opioide”, que regula procesos físicos e psíquicos tan importantes como a sensación de pracer, de satisfacción, o control da dor e das funcións respiratorias e cardiovasculares. Este sistema produce unhas sustancias naturais chamadas “opioides endóxenos” cuxos efectos son imitados en gran parte pola heroína. Así, o consumo de heroína activa o sistema opioide de forma antinatural provocando:

Efectos psicolóxicos:

  • Euforia.
  • Sensación de benestar.
  • Pracer (como un orgasmo, en descrición de consumidores).

Efectos fisiolóxicos:

  • Analxesia: falta de sensibilidade á dor.
  • Nos primeiros consumos non son raras as náuseas e vómitos.
  • Inhibición do apetito.

Que riscos ten o seu consumo?

É, xunto co alcohol, a droga máis coñecida, seguramente debido a que a maioría das persoas tratadas por problemas asociados ó consumo de drogas, foron ata agora, por heroína.

Riscos psicolóxicos:

  • Alteracións da personalidade.
  • Alteracións cognitivas, como problemas de memoria.
  • Trastorno da ansiedade e depresión.
  • Dependencia psicolóxica, que fai que a vida do consumidor xire obsesivamente en torno á sustancia.

Riscos fisiolóxicos:

  • Adelgazamento.
  • Estreñimento.
  • Caries.
  • Anemia.
  • Insomnio.
  • Inhibición do desexo sexual.
  • Perda da menstruación.
  • Infeccións diversas (hepatite, endocardite, etc.) asociadas ás condicións hixiénicas e sanitarias nas que ten lugar o consumo e ó estilo de vida do consumidor.

Outros riscos importantes son: o deterioro das relacións persoais (familia e amigos/as), absentismo e accidentes laborais, diminución do rendemento no posto de traballo, malas relacións cos compañeiros/as, sancións e despido; absentismo e fracaso escolar, no caso dos/as estudantes; accidentes e sancións de tráfico, problemas legais...

Produce dependencia?

A heroína presenta unha elevada dependencia, acompañada dun síndrome de abstinencia (mono) é moi desagradable e que se caracteriza por síntomas como: lacrimeo, suor excesivo, rinorrea, insomnio, náuseas e vómitos, diarrea, febre, dores musculares..., acompañados dunha forte ansiedade.

O consumo habitual de heroína crea tolerancia con rapidez, polo que o consumidor/a precisa ir aumentando a dose para experimentar os mesmos efectos. Isto explica o risco de sobredose tras un período de abstinencia.

Canto se consome?

Segundo o Informe sobre a Enquisa Domiciliaria sobre o Alcohol e outras Drogas (EDADES) do ano 2007/08 da Delegación do Goberno para o Plan Nacional de Drogas:

Aínda que historicamente en España a heroína foi responsable da maioría dos problemas graves relacionados coas drogas ilegais, nos últimos anos diminuíu de forma importante tanto o seu consumo como os problemas asociados.

As prevalencias de consumo algunha vez na vida de heroína foron máis baixas que as das sustancias mencionadas arriba, alcanzando cifras de 0,8%. Pola súa banda, as prevalencias de consumo durante o último ano situáronse no 0,1%. Hai que ter en conta, no entanto, que as enquisas poboacionais teñen bastantes limitacións para estimar a prevalencia e as tendencias de consumo desta sustancia, pola súa dificultade para incluír aos consumidores/as máis problemáticos/as.

Polo que respecta ás tendencias do consumo, a heroína apréciase unha tendencia ao descenso da experimentación con esta sustancia até 1999 (0,5%) e a partir dese ano unha tendencia á estabilización ou o ascenso (porcentaxes nos anos: 2001: 0,6 %, 2003: 0,9 %, 2005: 0,8% e no 2007: 0,8 %).

En canto á inxección de drogas novamente hai que dicir que este tipo de enquisas non son un método moi adecuado para estimar a extensión do fenómeno da inxección de drogas. Sábese, no entanto, por outros indicadores que é un fenómeno en rápida regresión. Os resultados desta enquisa indican que en 2007-08 un 0,3% da poboación española de 15-64 anos inxectouse algunha vez na súa vida heroína ou cocaína (0,5% dos homes e 0,1% das mulleres), atopándose a máxima prevalencia no grupo 35-44 anos (0,8%).

Sobre a súa historia

O opio, que se extrae das cápsulas da planta "Papaver somniferum" e é empregado pola humanidade dende a Antigüidade, existindo referencias ó seu consumo que datan de 4.000 anos antes de Cristo.

O opio consumiuse por vía fumada en diversas zonas de Asia, aínda que o seu gran poder nace a partires do illamento dos seus diversos alcaloides. É o caso da morfina, potente analxésico illado en 1809 por químicos alemáns e empregado na actualidade en diversos contextos médicos.

A heroína (cabalo) foi sintetizada a finais do século XIX pola farmacéutica Bayer, que buscaba un fármaco coa capacidade analxésica da morfina, pero sen o seu potencial aditivo. Empregouse, inicialmente como terapia fronte a mofinomanía, aínda que este uso pronto se abandonou ó non mostrar os resultados desexados.

Aínda que ata mediados dos noventa a vía habitual de consumo era a inxectada; hoxe, debido á propagación do virus de inmunodeficiencia humana responsable da SIDA e doutras infeccións, xeneralizouse a vía fumada (facerse un chino).

A lei que dí?

Na interpretación do Código Penal, os tribunais de xustiza consideran ós opiáceos dentro das “drogas que causan grave dano a saúde”, e por tal motivo, quen a cultive, elabore, trafique, promova, favoreza ou facilite o seu consumo, ou a posúa con tales fines serán penalizados/as cunha pena mínima de 3 a 9 anos de prisión e multa “do tanto o triplo” do valor da droga.

A condución baixo a súa influenza está tamén penalizado.

Ademais do seu consumo público, o abandono en vía pública do material empregado para o consumo está sancionado administrativamente pola Lei de Protección da Seguridade Cidadá. Estas sancións poden ser substituídas polo axeitado tratamento de deshabituación.