Enquisa sobre Uso de Drogas en Ensinos Secundarios en España (2016-2017)

Cartel informativo

16/03/2018

Presentouse a XII edición da Enquisa sobre Uso de Drogas en Ensinos Secundarios en España (ESTUDES 2016-2017). A enquisa realízase a estudantes entre 14 e 18 anos.

O dato máis significativo que proporcionou esta última edición é que a idade media de inicio ao consumo de alcol atrásase por primeira vez aos 14 anos, cando o primeiro contacto co alcol segundo a primeira edición no ano 1994 era aos 13,5 anos máis ou menos.

Tamén por primeira vez, a idade media de inicio ao consumo de tabaco retárdase ata os 14 anos (14,1 anos, concretamente), o que supón un atraso progresivo dun ano no primeiro contacto con esta substancia, que en 2006 situábase nos 13,1 anos. Esta tendencia positiva varía no caso dos hipnosedantes (con ou sen receita); cuxa idade de inicio no consumo caeu lixeiramente ata os 13,7 anos, continuando así o descenso iniciado en 2012.

O consumo de cannabis comeza, máis ou menos, aos 14,8 anos; o de cocaína e anfetaminas aos 15,1 anos e o de éxtase aos 15,2.

De maneira global, os datos confirman que as drogas consumidas por unha maior porcentaxe de estudantes, nos últimos doce meses, seguen sendo as de lícito comercio entre maiores de idade. En primeiro lugar, o alcol (75,6%) e en segundo lugar o tabaco (34,7%). O cannabis sitúase en terceiro lugar -primeira droga ilegal- cunha prevalencia (proporción de poboación que o consome) do 26,3%, seguido dos hipnosedantes (con e sen receita), que alcanzan o 11,6%.

O resto de drogas teñen unhas prevalencias máis reducidas. As novas substancias psicoactivas alcanzan o 3,1%; a cocaína queda nun 2,5%; a éxtase nun 1,6%; as anfetaminas nun 1,2% e o resto das substancias estudadas (máis de 20) sitúanse no 1% ou por baixo.

O consumo de todas as drogas ilegais está máis estendido entre os homes que entre as mulleres, aínda que coas drogas de lícito comercio -alcol, tabaco ou hipnosedantes- sucede o contrario.

Percepción de risco:

O alcol é a substancia que se percibe como menos perigosa, cunha notable diferenza fronte a todas as demais. Tan só o 56,1% atribúe moitos ou bastantes problemas ao consumo de 5 ó 6 unidades de bebidas alcohólicas (canas/copas) no fin de semana. Persiste a consideración do tabaco como máis perigoso que o cannabis, iniciada en 2010.

Dispoñibilidade percibida:

Confírmase a tendencia descendente iniciada en 2010 para todas as drogas, excepto alcol e cocaína. No caso do alcol e do tabaco, 9 de cada 10 estudantes non aprecia ningunha dificultade para conseguilos. A droga ilegal que se percibe como máis dispoñible é o cannabis: o 65,9% opina que é fácil ou moi fácil adquirilo.

Consumo drogas e lecer:

Apréciase que o consumo, tanto de substancias de lícito comercio como ilegais, increméntase ao aumentar a frecuencia de saídas nocturnas e ao atrasar o horario de volta á casa. A prevalencia de consumo dalgunha droga de lícito comercio (alcol, tabaco ou hipnosedantes) supera o 90% para os estudantes que chegan a casa das 2 da mañá en diante Desde 2012, descende a porcentaxe de estudantes que apoia a legalización das drogas. Aínda así, o 55,1% (59,9 en 2014) está favor de legalizar o cannabis e o 38% (40,6 en 2014) de legalizar todas as drogas.

Datos máis significativos por substancias

Alcol:

Continúa a tendencia á baixa, aínda que a prevalencia segue sendo moi elevada: mostra que o 76,9% dos estudantes de entre 14 e 18 anos probou algunha vez na vida o alcol (78,9% en 2014). O 75,6% consumiu no último ano (76,8% en 2014) e o 67% fíxoo no último mes (68,2% en 2014).

Tamén destaca que, por primeira vez, atrásase a idade media de inicio no consumo de alcol ata os 14 anos e descende o consumo en atracón e as bebedeiras.

Tabaco:

É a segunda droga máis estendida, o 34,7% (31,4 en 2014) dos alumnos fumou tabaco no último ano. O consumo diario sitúase no 8,8% (8,9% en 2014), cifra mínima da serie histórica desta enquisa. En 2004, o 21,5% deste sector da poboación fumaba a diario.

Máis ou menos, o primeiro consumo de tabaco prodúcese aos 14,1 anos; por primeira vez supérase a fronteira dos 14 anos. A adquisición do hábito de fumar diariamente, igual que ocorría en 2014, comeza aos 14,6 anos de media, apenas medio ano despois de probalo por primeira vez. Segue descendendo a porcentaxe de estudantes que vive en fogares onde se fuma a diario: en 1994 este dato elevábase ao 68,2% e nesta edición sitúase no 47,8% (49,7% en 2014).

O 20,1% dos alumnos utilizou cigarros electrónicos algunha vez na súa vida, observándose unha maior extensión entre os mozos.

Cannabis:

Continúa sendo a droga ilegal consumida por unha maior porcentaxe. Rexístrase un repunte no consumo de cannabis, levemente á alza para os indicadores dalgunha vez na vida e do último ano. Non ocorre así co consumo no último mes, que baixa lixeiramente. Así, o 31,1% (29,1% en 2014) probouno algunha vez na súa vida, o 26,3% (25,4% en 2014) no último ano e o 18,3% (18,6% en 2014) no último mes.

Hipnosedantes:

A prevalencia sobe respecto da última enquisa para o consumo nos últimos 12 meses (11,6% fronte a 10,8% en 2014), aínda que descende no indicador de consumo no último mes (5,9% fronte a 6,2% en 2014). O consumo de hipnosedantes segue sendo predominantemente feminino, as diferenzas seguen aumentando coa idade.

Cocaína:

Descende a prevalencia de consumo en todos os indicadores temporais. Alcánzase o mínimo histórico na proporción de estudantes de 14 a 18 anos que consumiu cocaína (po e/ou base) no último mes (1%). Éxtase, anfetaminas e metanfetaminas Aumentan as prevalencias de consumo para as 3 substancias respecto de 2014, aínda que as cifras son baixas e seguen moi lonxe dos máximos que se rexistraron a principios de século. Heroína A porcentaxe de quen a probou sitúase por baixo do 1%.

Novas substancias psicoactivas ( NSPs):

O 4,5% dos alumnos (4,7% dos mozos e 4,3% das mozas) recoñece consumir substancias deste tipo algunha vez na vida, isto supón un leve aumento con respecto ao 2014. A maioría dos consumidores de NSPs nos últimos doce meses son mozos (53,8%).

Internet:

O uso compulsivo da internet creceu ata o 21% entre os estudantes de 14 a 18 anos, isto supón un 4,6% máis que na anterior edición. Advírtese unha maior prevalencia entre as mozas (23,8%) que entre os mozos (18,3%). Aos 16 anos é cando se presentan as cifras máis altas no uso compulsivo da internet (22,3%).

Xogo de diñeiro:

O 6,4% dos estudantes de 14 a 18 anos xogou diñeiro na internet algunha vez no último ano (9,8% en 2014), cunha diferenza significativa en función do xénero: 10,2% entre os mozos e 2,5% entre as mozas.

Fonte: Ministerio de Sanidade, servizos Sociais e Igualdade