Encóntrase en:
Sobre a disciplina
"Para a maioría dos pais/nais disciplina equivale ó castigo e iso non é certo." A palabra disciplina significa realmente formar ou ensinar, e combina tanto técnicas positivas como negativas. Cando se disciplina ós nenos/as, ensínaselles a comportarse: dáselles instrucións antes de pedirlles que fagan algo, convérteste en modelo de comportamento para eles/as, sinálaslle aquilo que están a facer correctamente ou o que non fan ben, e ás veces, trátase de permitir que se produzan consecuencias negativas naturais da súa conduta cando esta non é a que os pais/nais queren.
A tarefa de ser pai ou nai non se completa nun día e a disciplina non é un esforzo intermitente. Trátase de esforzos constantes e consecuentes sendo, ó mesmo tempo, eficaces e afectuosos/as co neno/a. Hai moito que ensinar a un neno/a -valores, crenzas e técnicas- e requírese tempo. Ademais, o neno/a non estará sempre disposto a aprender a lección. Por iso suxírese que:
- Os pais/nais aprendan a relaxarse, dese modo poderán afrontar acontecementos imprevistos e esforzos baldíos con máis calma e máis eficacia.
- Hai que examinar metas e necesidades do neno/a para saber o que se pode esperar.
- Débese facer o posible por ser constante e consecuente, dicindo o que se pensa e pensando o que se di, e manterse firme niso. E finalmente,
- Débese manter unha actitude positiva ante o oficio de pai/nai.
Sobre as normas e límites
Na familia é esencial establecer normas que indiquen ós fillos e fillas que comportamentos esperamos deles, é dicir, que cousas consideramos aceptables e cales non. Por iso temos que:
- Definir ben as normas para as entendan correctamente. E ademais comunicarlles os motivos e as consecuencias derivadas do incumprimento.
- Basear as normas principalmente nas consecuencias que se derivan, para os fillos e fillas, do feito de cumprilas ou incumprilas. E as sancións derivadas do incumprimento terán que ser coñecidas con anterioridade.
- Motivar para que as acepten. Pactarémolas ca posibilidade de mudalas se existen motivos e deixen de ser axeitadas. Sen esquecer, que se non chegamos a acordo podemos establecer aquelas que estimemos opotunas.
- Unha vez que se fixou unha norma, esta debe ser estable e esixirse o seu cumprimento sempre e por parte de ambos proxenitores.
- Reforzar o cumprimento das normas por parte dos fillos e fillas, por exemplo, dicíndolles o satisfeitos que estamos diso.
As normas...
- Deben estar adaptadas á idade dos fillos e fillas.
- Han de acordarse previamente entre a parella.
- Explicaranse previamente, adaptando a explicación.
- Deben ser negociadas cos fillos e fillas na medida do posible, e asumir a responsabilidade do seu cumprimento.
- Deben ser realistas e claras, que se poidan cumprir.
- As consecuencias derivadas do incumprimento deben estar moi claras e facerse sempre efectivas.
As sancións deberán ser:
- Pequenas, pero coherentes.
- Proporcionais á gravidade das condutas que as motivan.
- Se é posible, relacionadas cas condutas que as motivan.
- Que diminúan ou eviten a conduta castigada.
- Non orientados á vinganza ou desquite.
Con todo, só unha parte da conduta dos fillos e fillas está sometida a normas establecidas formalmente. Sería imposible e inadecuado facelo doutra maneira. No entanto, os proxenitores/as necesitan supervisar, non só o cumprimento das normas senón tamén o comportamento xeral dos fillos/as. Para o que debemos ter un conta: a contorna que os rodea, o seguimento da súa conduta (por exemplo saber onde están), preguntarlles sen interrogalos/as, comprobar de vez en cando que fan o que din sen ocultalo, falar con outras persoas que teñen contacto con eles/as (profesorado, ...)
Sobre os premios e castigos
Na vida de toda familia hai un cúmulo de circunstancias que, sen ser explosivas, van perfilando o carácter dos nosos fillo/as, vano facendo polos estímulos que un día tras outro van recibindo do seu ambiente(a cara que lle puxemos, a recompensa ou o castigo que recibiu, ...). E, así, van configurando un estilo de persoa.
Todos os pais/nais, consciente ou inconscientemente, utilizamos os premios e os castigos cos nosos fillos/as. Que sexan un factor educativo ou axuden a malcriar depende do modo en que os manexamos.
Sobre os premios...
- Cando unha persoa atopa satisfacción en facer algo, tende a repetir esa conduta. Se premias unha conduta do teu fillo/a con algo que sexa gratificante e satisfactorio para el/a, é moi probable que se porte así con máis frecuencia.
- As recompensas materiais como o diñeiro, materiais deportivos ou xoguetes, gústannos a todos/as. Pero son as recompensas sociais como a atención, os eloxios e o afecto as que nos fan sentirnos máis a gusto connosco mesmos/as. Dálles preferencia, aínda que non exclusividade, e decide en que vas empregar as materias (p. ex.: en algo extraordinario e que lle supoña un esforzo especial) pero irán acompañadas de recompensas sociais. E coida de que non sexan tan frecuentes que afagas ó teu fillo/a, a realizar as tarefas máis polos beneficios que delas obtén que polo valor que en si mesmas teñen.
- Non esquezas que non hai dous rapaces/as iguais. E, por iso, pode suceder que o que para un/ha é motivador non o sexa para outro/a, terás que adaptalos.
- Premia inmediatamente despois do comportamento desexado. Canto máis distancia hai entre a conduta e a recompensa (ou o castigo) menor será o efecto. E canto menor é a idade do rapaz/a menos eficaz resulta dita distancia.
- Existen dúas formas básicas de recompensar: todas as veces (con condutas pouco establecidas) e ocasionalmente ( a conduta está ben establecida).
- É preferible que adoptes un enfoque positivo e busques activamente o bo comportamento dos teus fillos/as para recompensalo máis que, que funcionar a base de castigos.
Sobre os castigos:
O castigo é unha forma de cortar un comportamento que non se pode pasar por alto. Os castigos poden ser eficaces se se utilizan correctamente. Non se debe empregar como medio habitual para corrixir os teus fillos/as, xa que deixa de ser eficaz.
O castigo funciona ben si:
- É o último recurso e non o xeito habitual de actuar.
- Sábese exactamente por que se é castigado/a.
- É inmediato, sen adiamentos innecesarios: "xa verás cando veña o teu pai"...
- Ocorre sempre que se comete a falta, sen depender do bo ou mal humor.
- Ofrece ó neno/a unha alternativa. Non só se castiga a mala conduta senón que se explícita o que se espera del/a e o modo en que pode realizalo.
- Permanece intacto o respecto pola persoa, sen que sufra a autoestima. Son as accións as correctas ou incorrectas, non a persoa. Nin "es un inútil" nin "es mala" senón "iso fixéchelo mal".
- Non o asociar actividades de aprendizaxe como, por exemplo, ter que copiar ou facer contas ou ler. Ese é o mellor método para que no futuro odie as matemáticas ou a lectura, por velas relacionadas con situacións desagradables.
Sobre a responsabilidade do neno/a
A responsabilidade é a habilidade para responder; a capacidade para decidir apropiadamente e con eficacia, é dicir, dentro dos límites das normas sociais e das expectativas comunmente aceptadas. Doutra banda, unha resposta considérase efectiva cando permite ó rapaz/a conseguir os seus obxectivos que reforzarán os seus sentimentos de autoestima.
Ensinar ós rapaces/as a ser responsables require un ambiente especial no fogar, que lles ofreza información sobre as opcións entre as que deben escoller e as consecuencias de cada unha delas, e que lles proporcione tamén os recursos necesarios para elixir ben. Polo que ten que existir un programa claro de recompensas e encomios que ofreza resposta ó seu comportamento. Doutra banda, o neno/a seguirá sendo irresponsable se a resposta que obtén é a crítica excesiva, a exposición ó ridículo ou á vergoña. Se se lles recompensa por ser responsables van desenvolvendo gradualmente a conciencia de que a responsabilidade e os bos sentimentos están relacionados; e, co tempo, diminúe a súa necesidade de recompensas externas.
¿Como facelo?: