Encóntrase en:
¿Que é educar?
Algunhas veces oímos frases tales como estas ó falar de educar:
- "A letra con sangue entra"
- "Xa o terá que facer cando sexa maior, pobriño"
- "Lévome de marabilla coa miña filla, son a súa amiga"
- "Cando sexas pai, comerás ovos"
- "Que o meu fillo non sexa menos que os demais"
- "Non quero que o sufra o que eu pasei"
- "Farei todo o posible para que me fillo sexa..."
PERO EDUCAR É:
- Facerlle a unha persoa capaz de ser independente, autónoma: Coñecemos pais/nais empeñados en facer do seu fillo/a un/ha inútil. Vanlle abrindo todas as portas para que non tropece, por si non é capaz de abrir ningunha. Vanlle achandando todos os camiños, e despois non será capaz de sortear ningún obstáculo... Educar é un proceso de acompañamento e diálogo, pero á vez ensinando e esixindo responsabilidades.
- É tamén axudar a unha persoa a saír do seu egoísmo: É unha tentación moi sutil a de consentir todo capricho, saciar todo desexo, cultivar insensiblemente un, cada vez, maior egoísmo. É ruinoso darlle máis do que pide, darlle mellores cousas que ós outros/as, impedíndolle gozar de conseguir algo por si...
- É axudar a ser, permitir ser: Cantos nenos/as chegan á conclusión de que: "¡non podo ser eu porque así non me queren!", "teño que ser como eles/as esperan que sexa",...
- Sen esquecer que ser un mesmo/a esixe ser libre, e isto presupón un mínimo de seguridade persoal: "Se mo resolveron todo, nunca terei seguridade, se vivín sempre sometido, serei incapaz de valerme por min mesmo/a, se non sentín amado/a, non me fiarei das miñas forzas, se non me acepto a min mesmo, non saberei decidir". Educar é tamén pór límites adecuados á idade, aínda que protesten, á vez que lles transmitimos continuamente que lles seguimos querendo, a pesar de todo e por encima de todo.
Como pais/nais ca educación pretendemos conseguir que os nosos fillos/as sexan:
- Libres: con capacidade de optar en conciencia.
- Responsables: que teña motivación ó desenvolvemento (para conseguir algo positivo) e non tanto por motivacións defensivas (facer algo para defenderme dunha situación adversa ou dunha persoa).
Autónomos/as:
- Intelectualmente.
- Afectivamente: que poidan tolerar frustracións, pospor satisfaccións, aceptar o sufrimento (necesario para chegar a ser persoa) e superalo.
- Cada fillo/a ten un temperamento (personalidade propia), e os pais/nais debemos favorecer que vaian emerxendo os aspectos positivos e controlando os negativos. Non se pode tratar a todos/as por igual.
Pero NECESITAN:
- Que lles sigamos querendo, a pesar de todo e por encima de todo.
- Que estamos aí para darlles seguridade.
- Que lles poñamos límites, e necesítanos aínda que protesten.
Alguén pode pensar que se está buscando de novo a figura do pai/nai autoritario/a, pero iso convén ser matizado, porque non se trata dun pai/nai inaccesible, senón dun pai/nai que fixa límites, normas e valores porque son necesarios para o xogo da vida: sen regras non hai xogo posible, e se a familia non é capaz de ofrecelas, van buscalas noutro sitio.